Camiño Escena Norte achegará as artes escénicas a Lugo e a súa provincia.
O proxecto de intercambio cultural entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra ofrecerá funcións de teatro, danza e artes do movemento e novo circo en Foz, Ribadeo, Vilalba e Viveiro.
Lugo consolídase como sede principal do Camiño Escena Norte ao acoller unha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO (17 ao 19 de setembro en O Vello Cárcere), ademais da función ‘El nadador de aguas abiertas’ o 17 de outubro.
A praza do Obradoiro acolleu a presentación da programación en Galicia, que comezará o venres 13 en Santiago de Compostela.
A partir de aí, algunhas das creacións escénicas máis interesantes da carteleira percorrerán escenarios de Vilalba, Melide, Carballo, Vimianzo, Lugo, Ames, Arzúa, Ribadeo e Viveiro; sedes ás que este ano suma Foz e Outes, á vez que recupera Sobrado dos Monxes.
Ademais, O Vello Cárcere da capital luguesa será o lugar no que se celebre o encontro Habitación Peregrina PRO, no que participarán ducias de profesionais do sector de diferentes puntos da península.
Camiño Escena Norte, é un proxecto que, tomando como base a ruta histórica dos camiños de Santiago do norte, ofrece ao longo de seis semanas toda unha extensa programación escénica, dirixida a todo tipo de públicos.
Así, tanto a través da súa iniciativa itinerante Ciclo Constelacións, como doutras actividades paralelas, pretende impulsar, dinamizar e visualizar o labor das compañías galegas, asturianas, cántabras, vascas e navarras.
COMPAÑÍAS
Neste 2024, as compañías asturianas Adrián Conde Espectáculos, Teatro Plus e La Westia Producciones; as cántabras Ruth Garreta – El Conejo Salvaje e Hilo Producciones; as vascas Panta Rhei, Marie de Jongh, K. Producciones e Tanttaka Teatroa; e as navarras Yarleku – El Punto Gunea, Estefanía de Paz Asín e Pájaros Pintados Creación Teatral traerán a Galicia os seus espectáculos máis recentes.
Á vez, mentres que un total de 11 compañías visitarán os escenarios do país, as galegas Ibuprofeno Teatro, Píscore-Culturactiva e Colectivo Glovo percorrerán 14 localidades de Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra no marco do Ciclo Constelacións; mais non serán as únicas galegas presentes nesta edición: a compañía Furia Sotelo participará na rede de estancias Cruzamentos, que forman parte da programación paralela.
PROGRAMACIÓN
15.09, 21h | Foz (Praza Conde de Fontao*) By ò Bu. Aproximación al no existir, de Yarleku e El Punto Gunea (NAV)
Novo circo. Público adolescente e adulto. Entrada libre ata completar capacidade
* En caso de choiva, a función terá lugar na Sala Bahía
Un espectáculo como unha boa escusa para falar de algo tan real como é o necesitar, nalgún momento dunha vida, durmir para sempre. By ò bu. Aproximación al no existir é un espectáculo que, a través do movemento, o trapecio e a palabra, expón a conversa entre as dúas partes dun mesmo ser.
Este diálogo enmárcase nun espazo que ben podería ser a súa propia cabeza, chea de equilibrios e portas ás súas reflexións. Unha conversa sobre a súa existencia e a opción de deixar de existir.
Yarleku Teatro xorde en 2003 co afán de crear espectáculos de carácter socio- educativo, nos que xuntar a visión plástica do teatro e a transmisión de valores.
Pretende mostrar ao público historias coas que se sinta involucrado ou identificado mentres presencia unha obra na que se tratan temas da vida cotiá de xeito educativo.
27.09, 20.30h | Vilalba (Auditorio Municipal Carmen Estévez) Anónimo. La vida de Lazarillo de Tormes y de sus fortunas y adversidades, de Hilo Producciones (CANT).
Teatro. Público adolescente e adulto. Vilalba: retirada de convites en www.entradasvilalba.es
Encontro co público ao remate da función
Poucas novelas retratan a situación social e política que as rodea de maneira tan lúcida, mordaz e intelixente como o fai o ‘Lazarillo de Tormes’: Lázaro emprende unha viaxe, tanto física como iniciática, por unha España gloriosa, espléndida, magnífica, doente, medorenta e corrupta.
Mais a pesar da aparente desolación que poida parecer que comporta, o Lazarillo é unha comedia áxil, fresca e hilarante, unha comedia canalla e que non concede respiro, e que, cando apousenta, dá paso á reflexión e ao pensamento crítico
Hilo Producciones nace en Santander en 2008, da man de Begoña García, despois de máis de 20 anos de experiencia en distintas compañías nacionais. Nesta aventura acompáñaa Sandro Cordero, responsable da parte artística, como autor, director e actor das montaxes máis emblemáticas.
Desde os inicios apostaron polas revisións dos textos teatrais clásicos, que permiten achegar os grandes autores ao público actual.
17.10, 20.30h | Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire) El nadador de aguas abiertas, de K. Producciones e Tanttaka Teatroa (EUS) Teatro. Público adulto. Encontro co público ao remate da función. Venda de entradas en www.entradaslugo.es
Espectáculo candidato a 6 Premios Max 2024.
Son dous… pero non son parella. Aínda que o poida parecer en ocasións. Son dous e son homes. Aínda que lles sobra tenrura e ganas de pasalo ben. Son dous e vas rir con eles. Se cadra ata os queres adoptar. Pódese falar. Son dous e necesítanse. Aínda que non o saiban.
Son dous en cartel, pero moitos no escenario. Halo entender cando o vexas. Son dous e co mar forman un trío. Se es de praia, sabes do que che estou a falar. Son dous e despois de os coñecer, valos botar en falta.
K. Producciones, compañía con sede en Bilbao, nace en 2002 da asociación de Adolfo Fernández, actor e director, e Cristina Elso, produtora, coa intención de levar a cabo proxectos de autores contemporáneos cun marcado contido político e social.
Esta aposta decidida pola autoría viuse recompensada con 3 premios Max: En la orilla, Mellor Adaptación 2018; Ejecución hipotecaria, Mellor Autoría Revelación 2015; e Vida y muerte de Pier Paolo Pasolini, Mellor Adaptación 2004.
20.10, 17.30h | Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval) Mr. Bo, de Marie de Jongh (EUS). Teatro. Público infantil e familiar
Prezo: 5€ (menores de 0-3 anos, entrada de balde) na billeteira do auditorio desde unha hora antes da función. Ao remate da mesma, encontro da compañía co público.
Os tres serventes están afeitos cumprir as ordes de Mr Bo. Levan toda unha vida ao seu servizo, desde que Bo era un neno. Ás veces imaxinan o que podería ser o mundo se eles fosen os amos, o que significa exercer o poder.
Cando o señor Bo era neno os serventes tiveron a oportunidade de dicir “Non!”, pero non o fixeron. Agora xorde unha nova oportunidade, unha oportunidade para todos.
Marie de Jongh está especializada no teatro xestual para público familiar e todos os públicos.
Con máis de 15 premios nacionais e internacionais, as súas obras son de creación propia, un estilo xenuíno baseado na creatividade de Jokin Oregi, autor e director da compañía. Define o seu traballo como “teatro infantil para adultos e teatro adulto para nenos”.
Da súa traxectoria destacouse o permanente compromiso coa sociedade, que se reflicte nos temas que a compañía afronta nos espectáculos, nos que a calidade estética desemboca nunha gran beleza e emoción.
24.10, 20.30h | Viveiro (Teatro Municipal Pastor Díaz) Ada Byron: La tejedora de números, de La Westia Producciones (AST) Teatro. Público adolescente e adulto. Prezo: 5€ (3€ reducida). Reserva de entradas en rbg.cultura@viveiro.es e no 982 560 162 de luns a xoves, en horario de 09 a 14h, e na billeteira do teatro no mesmo día da función desde unha hora antes do inicio.
Premio Jovellanos á Produción Escénica 2024. Seis galardóns nos Premios OH! das Artes Escénicas de Asturias e, entre eles, Mellor Espectáculo.
Ada Byron, considerada a nai da informátoica actual, está na cama, moi enferma, e no seu delirio ve o pai morto (o poeta romántico lord Byron) co que repasa a súa propia vida, na que as matemáticas adquiren un gran protagonismo.
Nesa revisión vital, na que pai e filla se coñecen, xorden revelacións e reproches que fan cambiar a concepción que Ada ten da súa existencia, e lévana a tomar unha decisión sorprendente.
O espectáculo combina teatro e ciencia, para dar a coñecer a vida dunha das mulleres máis relevantes da humanidade e que con todo resulta ser toda unha descoñecida.
La Westia Producciones naceu no ano 2019 e estreou varios espectáculos para mozos e adultos nos que realiza un minucioso deseño das linguaxes escénicas para atrapar o espectador.
Web oficial: www.escenanorte.com