A Xunta de Galicia celebrará este xoves 08 os Premios da Cultura Galega 2020 cunha gala con forte presenza lucense: Laura LaMontagne, Benedicta Sánchez, Encarna Lago… O acto de entrega comezará ás 18,00 horas na Cidade da Cultura en Santiago e será retransmitido en directo a través da canle de Youtube de Cultura da Xunta.
Abrirá o acto a danza contemporánea a cargo de Kirenia Danza, compañía fundada hai só dous anos. A súa peza Instante gradual amosará a dualidade dixital-presencial que vén caracterizando no último ano a actividade cultural na nosa Comunidade con novos formatos. O espectáculo foi recoñecido cunha residencia artística na cidade italiana de Matera durante a Capital Europea da Cultura 2019.
Especialmente simbólica será a peza audiovisual coordinada pola poeta Yolanda Castaño coa implicación de numerosos profesionais da cultura galega, tanto rostros coñecidos como anónimos, que representan toda a cadea de valor da produción cultural. Co fin de recoñecer e reivindicar o seu labor, esta proxección dará voz a de diferentes artistas e traballadores dun sector que deu o mellor de si á sociedade no confinamento a pesares das dificultades que a pandemia está a supoñer.
En concreto, participarán unha ducia de profesionais como os actores Benedicta Sánchez e Xosé Antonio Touriñán, o artista Francisco Leiro, o escritor Manuel Loureiro, Cecilia Carballido, da empresa de servizos de produción Cunde Cooperativa; Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo; Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo; Juan Rodríguez, presidente de Escena Galega; a comisaria de arte Mónica Maneiro; Suso Santamaría, da sala de concertos A Pousada das Ánimas; Nikita Rider, mánager da industria musical, ou Iván García, técnico municipal en Vedra.
No acto poranse en valor os novos talentos galegos coa actuación da artista Laura Lamontagne co DJ PicoAmperio, un dueto que está a levar a música feita en Galicia fóra da Comunidade actualizando con electrónica a tradición lírica galego-portuguesa. O Himno Galego que pechará a gala será interpretado pola soprano Laura Alonso.
O galardón que será entregado aos oito gañadores desta edición foi elaborado pola artista Soledad Penalta, ten por título Unha decisión profunda. Está elaborada en aceiro coas técnicas de corte, soldadura, manuscrito e pintado. Xoga co signo infinito e a primeira letra da palabra “cultura”. Mantén o signo aberto representando así todas as manifestacións culturais que están por vir.
Distincións en oito disciplinas artísticas
Nesta edición serán recoñecidos a escritora Ledicia Costas (na modalidade de Letras), o fotógrafo Xurxo Lobato (Artes Plásticas), a Federación de Teatro Afeccionado de Galicia FEGATEA (Artes Escénicas), aCentral Folque (Música), o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado (Audiovisual), o dinamizador da cultura e lingua galegas Xosé González (Lingua), a Fundación Penzol (Patrimonio Cultural) e a responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest, Ildiko Szijj (Proxección Exterior).
Con estes galardóns, a Xunta de Galicia premiará un ano máis o labor creativo de Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos. Recoñécese a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.