Manuel Carballeira Rivas gaña o Certame de Pintura Rápida de Lugo 2025

O Premio artista local foi para Alfredo Hernández Perdomo

Manuel Carballeira Rivas gaña o Certame de Pintura Rápida de Lugo 2025.

A Praza Maior acolleu este domingo a entrega dos premios do 25º Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo, unha das citas máis consolidadas do verán cultural lucense.

A actividade, organizada pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, reuniu a decenas de artistas que ao longo da xornada representaron diferentes escenas urbanas e paisaxes da cidade.

Desde a Concellería salientaron a boa acollida da convocatoria e agradeceron a participación e implicación tanto das persoas artistas como da cidadanía, destacando que “a cultura ao aire libre contribúe a facer de Lugo unha cidade máis viva, creativa e compartida

O concelleiro Alexandre Penas foi o encargado de entregar os galardóns. “Este certame converte Lugo nun espazo de creación e participación, visibilizando o talento artístico e ofrecendo á veciñanza unha maneira diferente de mirar a cidade”, sinalou o edil durante o acto.

O xurado desta edición estivo formado por: Laura Romero Pereira, ilustradora e integrante da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración); Pablo Ferreiro Mazón, arquitecto e profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo; e Sara Pérez Cruz, ilustradora e vocal do grupo Nebra.

A súa valoración destacou a calidade técnica, a orixinalidade e a interpretación persoal da cidade nas obras presentadas.

As persoas gañadoras desta 25ª edición foron:

– 1º premio (1.600,00 €) e diploma: Manuel Carballeira Rivas

– 2º premio (1.100,00 €) e diploma: Isabell Seidel

 – 3º premio (900,00 €) e diploma: Rafael Dueñas Carazo

– Accésit Premio (300,00 €) e diploma: Benigno Rodríguez Sánchez

Rafael Carrascal García

Diego Manuel Fernández González «Columé»

Juan Carlos Triñanes Buceta

Andrés Gabarres Cagiao

– Premio artista local (450,00 €) e diploma: Alfredo Hernández Perdomo