As comisións de Igualdade de Xénero da Facultade de Ciencias e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, presididas polas profesoras María Ángeles Romero Rodríguez e Dolores Fernández Rodríguez,
respectivamente, celebraron do día das Mulleres e as Nenas na Ciencia coa organización dunha sesión sobre emprendemento feminino que congregou un nutrido grupo de estudantes e docentes na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo.

A xornada comezou cunha chamada da Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, á sociedade para seguir a traballar a prol de aumentar a visibilidade das nenas e das mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos para garantir o acceso e a participación da muller aos órganos e cargos que se ocupan da toma de decisións. “Se queremos avanzar cara unha sociedade máis libre e máis xusta, as mulleres teñen que estar aí”, dixo, ao tempo que tamén sinalou a necesidade de seguir a
crear máis referentes femininos para así potenciar a visibilidade da muller.

Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia
Fonte da foto: Gab. Com. Campus Lugo

A profesora da EPS de Enxeñaría da USC Dolores Fernández Rodríguez abundou nestas dúas mesmas ideas, ao tempo que chamou a sortear os estereotipos sociais que aínda persisten ao respecto da cuestión de xénero. Así, logo de comentar que se ben as mulleres representan o 62% do estudantado matriculado da USC, esta porcentaxe sitúase no 25% na universidade española no caso das carreiras científicas e tecnolóxicas. O caso da EPS de Enxeñaría é un pouco máis alentador, pois o 37% do noso alumnado non mulleres, lembrou para logo recalcar que aínda queda moito por avanzar ata acadar nestas disciplinas unha representación feminina acorde á súa presenza maioritaria nas aulas universitarias.

As reflexións iniciais de Montserrat Valcárcel e Dolores Fernández deron pé a un coloquio sobre emprendemento feminino con base científico-tecnolóxico no marco do que participaron tres mulleres emprendedoras. A sesión, que estivo moderada pola xornalista e presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky, contou como relatoras coa CEO da empresa de tecnoloxía en análise sensorial TasteLab, Maruxa García; Tamara
Arango López, promotora da empresa de certificación de benestar animal BeWell, e a consultora de dietética e nutrición Ángeles Novo Martínez.