O novo mural de Iago Eireos en Lugo pon en valor o simbolismo do Camiño de Santiago.
“Camiño en cor” pode ser contemplada na esquina entre a rúa Primavera e o Carril das Hortas.

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitaron a rúa Primavera, onde o artista lucense Iago Eireos traballa na creación do mural “Camiño en cor”, unha obra de gran formato que está a transformar o entorno urbano poñendo en valor o simbolismo do Camiño de Santiago.
Durante a visita, os representantes municipais puideron coñecer de primeira man o proceso creativo da obra, guiados polo propio artista.
“Camiño en cor” destaca pola súa combinación de técnicas pictóricas e elementos tridimensionais, que xeran un xogo de sombras cambiantes ao longo do día, dando vida á fachada e transformando o espazo urbano.
No centro da composición atópase a figura dunha muller peregrina, representada en branco puro, que avanza decidida cara ao público. Esta imaxe simboliza o camiño interior e exterior das persoas que percorren o Camiño de Santiago, cun claro protagonismo da presenza feminina.
O fondo da obra é unha explosión expresionista de cor, onde se mesturan verdes, azuis, violetas, amarelos e laranxas que evocan a natureza galega —os prados, as carballeiras e o ceo atlántico— ofrecendo unha lectura emocional do territorio.
Maite Ferreiro destacou a importancia desta obra para Lugo, xa que “esta intervención enche de vida e cor un espazo urbano que antes pasaba desapercibido. Reivindicamos a forza das mulleres no Camiño e, ao mesmo tempo, damos valor á arte como ferramenta de transformación e diálogo coa veciñanza”.
Con “Camiño en cor”, Lugo consolídase como laboratorio urbano de creación contemporánea, vinculando a tradición xacobea cunha linguaxe pictórica e escultórica que convida a repensar o espazo público e a percorrer o Camiño con ollos renovados.