Outubro 2019 Maite Ferreiro, edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, presentou as actividades culturais deste Samaín que levarán o nome de #SAMAÍNeANDO

Do 28 ao 31 de outubro, o Vello Cárcere acollerá unha serie de obradoiros de preparación do Samaín en familia.Cada xornada comezará cun obradoiro de elaboración de capas brancas con carapucha de 17 a 18 horas. A continuación, de 18 a 19, realizarán candeas de cera e por último, de 19 a 20 horas, terá lugar un obradoiro de maquillaxe das ánimas.

Estes obradoiros están limitados a 25 persoas, e daránselles prioridade ás nenas e nenos. No caso de que queden prazas vacantes, cubriranse con persoas adultas. As nenas e nenos menores de 8 anos deberán estar acompañadas por unha persoa adulta, e cada participante deberá acudir ao obradoiro con tesoiras e un vaso de iogur de cristal ou un tarro pequeno de cristal con rosca. As inscricións realizaranse chamando ao 010.

No día de samaín, o Vello Cárcere acollerá entre as 17 e as 19 horas o Vaia polas ánimas!, un obradorio de rosarios de zonchos para familias ou menores acompañados que pretende recuperar e actualizar esta fermosa tradición. A actividade estará limitada a 90 prazas.

 A tarde continuará, a partir das 20:30 na Porta de San Pedro cun paseo teatralizado en familia polo Camiño Primitivo ao seu paso polo recinto histórico da cidade.  O día rematará, a partir das 23 horas na praza da Soidade, SAMAÍNeANDO e bailando coa Duendeneta.

O 2 de novembro, no véllo cárcere haberá xogos arredor do samaín, de 11:30 a 12:30 e de 18 a 19 horas con actividades para nenas e nenos de 3 a 8 anos. #SAMAÍNeANDO rematará, o 2 e 3 de novembro, con actividades didácticas no Vello Cárcere de 17:30 a 20:30 horas, para nenas e nenos de 8 a 12 anos.