Xornada divulgativa sobre xacementos arqueolóxicos da provincia de Lugo.
Organizada pola Xunta de Galicia, terá lugar o sábado 4 de outubro no salón de actos da Delegación Territorial, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza en Lugo as I Xornadas pedagóxicas de arqueoloxía lucense, que se celebrarán o sábado 4 de outubro no salón de actos da Delegación Territorial. 

Están dirixidas ao público en xeral, a entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo e non se precisa inscrición previa.

O obxectivo é achegar á cidadanía os coñecementos obtidos durante as últimas intervencións promovidas por esta Consellería nalgúns dos xacementos máis sobranceiros da provincia, da man dos propios arqueólogos que as dirixiron.

PROGRAMA

As xornadas comezarán ás 9:30 horas e a mañá estará dedicada a elementos patrimoniais datados entre o Paleolítico e a Idade de Ferro. 

Abrirán o programa as conferencias do catedrático de Prehistoria Ramón Fábregas (ás 10,00 horas) e a profesora de Arqueoloxía María Pilar Prieto (10,45 h.), ambos da Universidade de Santiago de Compostela, que falarán respectivamente sobre as primeiras pegadas humanas nas terras lucenses e o Corro dos Mouros de Adai, no municipio de Lugo.

Ás 12,00 horas, o arqueólogo Benito Vilas e a restauradora Alba Losada informarán sobre as últimas campañas acometidas no xacemento de Penas do Castelo (A Pobra de Brollón). A partir das 12,45 h., Emilio Ramil referirase ás intervencións no castro de Saa (A Pastoriza).

Durante a tarde porase o foco no período entre a romanización e o medievo. Ás 16:00 horas, os expertos Yolanda Álvarez e Luis F. López centrarán a súa intervención no castro do Teso da Ermida (Navia de Suarna). O último tamén acompañará a Brais Currás, científico do CSIC, na seguinte sesión -a partir das 16,45 – acerca do Monte Cido e o poboamento dos montes do Courel no tempo de Roma.

O xacemento de Proendos (Sober) protagonizará a seguinte charla, ás 17,30 horas, a cargo de Francisco Alonso.

Por último, ás 18,15 h pechará as xornadas Roberto Bartolomé Abraira, que afondará nos estudos preliminares realizados na Igrexa de Santa Eulalia de Esperante (Lugo), onde os traballos impulsados recentemente pola Xunta sacaron á luz unha ventá cunha tipoloxía que corresponde co prerrománico asturiano. Esta charla substitúe á que estaba programada inicialmente sobre o xacemento do Preguntoiro (Pantón), xa que o relator no pode acudir este sábado debido a un imprevisto.

O delegado territorial, Javier Arias, convidou á cidadanía a asistir a estas xornadas, “que nos axudan a coñecer máis en profundidade o noso pasado, a valorar o noso patrimonio e mesmo a comprender mellor a nosa identidade como pobo, arraigada en lugares como estes”.