XuvenCiencia habilita o seu blog como plataforma divulgativa e didáctica para a teledocencia
O grupo de innovación do Campus de Lugo elabora entradas multimedia para docentes e estudantes de secundaria nas que se analiza a COVID-19 desde as áreas da Xenética, Microbioloxía, Estatística ou Epidemioloxía. As persoas interesadas poden suscribirse a un boletín de novas

Como funcionan as probas PCR que detectan se unha persoa está doente de COVID-19? Son visibles os virus do coronavirus baixo o microscopio electrónico? Que diferenza unha epidemia dunha pandemia? Como se multiplican os virus? Como se transmite e se manifesta a COVID-19? Que medidas preventivas podemos adoptar? Como interpretamos as series de datos e os modelos matemáticos da pandemia? Estas son só algunhas das preguntas ás que XuvenCiencia, grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC, está a dar resposta estas semanas a través do seu blog, transformado nunha plataforma para a tele docencia e posto a disposición do profesorado e do alumnado de secundaria de Galicia.

A elaboración dos textos e contidos incluídos no blog XuvenCiencia é unha tarefa desenvolvida por profesorado da USC. Así, Manel Vera, da área de Xenética, ocúpase de explicar nesta palestra o funcionamento das probas de reacción en cadea da polimerasa (PCR, polas súas siglas en inglés), as máis fiables para diagnosticar o coronavirus. Na súa achega, Vera precisa que esta mesma técnica é a que se emprega no kit XuvenCiencia DNA-Meat, de trazabilidade alimentaria, que determina a orixe dun composto cárnico. Do mesmo xeito, o profesor da área de Microbioloxía Jesús Blanco repasa a historia das máis importantes pandemias do século XX, a da gripe de 1918 e a da sida, e achega unha explicación completa do comportamento dos virus, o seu ciclo de vida e a súa multiplicación.

Outra das contribucións xa recollidas no blog de XuvenCiencia é obra de Wajih Al-Soufi, do departamento de Química Física, que incide na importancia de comprender os datos da pandemia que se nos ofrecen, interpretalos criticamente, sabelos representar de forma gráfica, coñecer os modelos matemáticos que usan e ser quen de localizar fontes fiables para o seu fornecemento. Por riba, axuda no estudo de conceptos matemáticos do currículo de BAC. Noutra entrada, o o profesor Ceferino López Sández, do departamento de Patoloxía Animal, fai unha aproximación xeneral ao que é a COVID-19, ao tempo que afonda nas súas características especiais e dá indicacións para protexerse. Nunha vindeira entrada, este docente e Wajih Al-Soufi afondarán nos modelos matemáticos que describen o comportamento dunha epidemia.

Un exercicio do blog. XuvenCiencia habilita un blog como plataforma divulgativa e didáctica

Os artigos de pegada científica recollidos no blog XuvenCiencia comparten bitácora dixital con outras reportaxes de tipo máis ilustrativo. Estes contidos permiten un achegamento á cultura maker, impresión en 3D e á coordinación de voluntariado para elaborar materiais protectores, ou mesmo a novas iniciativas que dispoñen e habilitan recursos educativos en liña, como é o caso da nova web do Museo Universitario A Domusdo Mitreo . Todas estas entradas da bitácora deste grupo de innovación docente do campus de Lugo inclúen recursos multimedia: gráficos, ilustracións, infografías, vídeos,
glosarios, presentacións en PowerPoint e ligazóns para ampliar os coñecementos.

Un boletín de novas coas actualizacións

A coordinadora do grupo XuvenCiencia, a profesora do Departamento de Química Física da USC Mercedes Novo Rodríguez, subliña que esta nova proposta contribúe a paliar, cando menos en parte, o peche dos centros escolares, un feito que condicionou o desenvolvemento dos experimentos de XuvenCiencia na aula durante o presente estado de alarma. “Vimos de habilitar un mecanismo de suscrición ao noso blog, para que tanto docentes como estudantes reciban información puntual das actualizacións a través dun boletín de novas”, comenta.

A renovación de contidos continúa en marcha. Xa está en preparación un novo texto sobre a práctica doméstica cun fotómetro móbil, baseada no kit Fotometrix de XuvenCiencia, que mide a cantidade de proteína dun líquido biolóxico (por exemplo, o leite) a partir do método de Lowry. Mercedes Novo e Wajih Al-Soufi serán os seus autores. “A nosa idea é convidar tamén a expertos externos a elaborar algunha destas pezas para o blog. Para coñecer os intereses do profesorado de secundaria vimos de pasar unha enquisa a máis de 200 docentes para sabermos cales son os temas que máis lles interesan e para que nos trasladen as súas suxestións, que teremos en conta para a elaboración das vindeiras entradas do noso blog”, conclúe a coordinadora de XuvenCiencia.