O V Festival dos Eidos encherá de arte O Courel

O Festival dos Eidos chega á súa quinta edición neste final de agosto cunha ampla programación cultural protagonizada pola poesía acompañada pola música e outras artes desde unha mirada multidisciplinar.

Agosto 2019 O Festival dos Eidos celebrarase durante tres xornadas entre o venres 23 e o domingo 25 de agosto en diferentes lugares da aldea de Parada arredor da Fundación Uxío Novoneyra, casa natal do poeta que inmortalizou O Courel como territorio literario universal na súa obra máis emblemática, Os Eidos.

Os poetas X.L. Méndez Ferrín, Pablo Fidalgo, Fátima N. Delgado, Nieves Neira e Rafa Lobelle, a actriz Iria Pinheiro, a bailarina Kirenia Martínez e a sempre intensa programación musical do festival con cantautores como Emilio José e O´Leo de Matamá e diversas propostas de grupos como Selvática, Zeltia Irevere e solistas como Laura Lamontange, encherán de poesía en diferentes linguaxes artísticas a aldea na que viviu a meirande parte da súa vida o poeta do Courel.

As sesións Valumbo protagonizadas polos djs Xavi B, DJ Tristón e os Costaleros do Día Anterior pecharán as noites.

Os días serán para desfrutar da natureza con obradoiros artísticos de land art para familias, sketching e rutas polas que descubrir os paxaros d´Os Eidos no Souto da Rubial con HabitaQ, xunto co «Teño un bosque da maleta» de Brais «O moure Moure».

 
festival-eidos-prensa
Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación e Uxío Novo da Fund. Uxío Novoneyra na presentación. Fonte da foto: Gab. Com. Festival Eidos.

O programa completarase coa homenaxe ao poeta Carlos Oroza na que participarán os pintores Antón Lamazares e Antón Patiño, degustacións der gastrocultura, presentación de campañas de crowfunding e máis sorpresas.

O Festival dos Eidos é membro da rede europea LITFEST.EU de festivais literarios en zonas isoladas e conta co certificado co selo EFFE de festivais culturais de interese da Asociación de Festivais Culturais de Europa – EFA

festival-eidos-programa