ABRIL 2018 A terceira edición do certame audiovisual ‘Findecurta’, recibiu un total de 12 propostas audiovisuais inéditas, en cuxa realización e rodaxe participaron máis de 100 persoas. Nesta edición, o certame agasalla con 500 euros a proposta gañadora, ao tempo que garante ás dúas candidaturas máis valoradas a proxección dos seus traballos audiovisuais na 40º Semana de Cine de Autor de Lugo, na que poderán competir polos premios á mellor curtametraxe galega da Semana de Cine de Autor de Lugo.
O xurado encargado de fallar este certame a prol do audiovisual galego, no que, entre outros membros estarán presentes Andrés Goteira (Director de Dhogs, 13 galardóns nos Premios Mestre Mateo, e suma e sigue polo mundo enteiro) e Elena Seijo (actriz e directora tamén multipremiada), dará a coñecer o seu fallo o vindeiro 27 de abril, durante a festa de presentación que hai programada na Praza de Santa María. O fallo do xurado primará a creatividade e a calidade técnicas das curtas, así como o cumprimento de todos os criterios fixados na convocatoria.
A banda da Loba
O grupo de música galega A banda da Loba, integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo, será o encargado de animar esta velada cinematográfica. Daquela, A banda da Loba, unha formación musical singular que ofrece un estilo musical heteroxéneo e singular logo da mestura de pop, blues, folk, rock e sons tradicionais ofrecerá un concerto aberto na Praza da Santa María antes de comezar a proxección cinematográfica que servirá de colofón ao III Findecurta
FESTA III FINDECURTA – PROGRAMA – VENRES 27/04
Lugar: Praza de Santa María – Entrada libre e gratuita
21:00 Concerto de A banda da Loba – se chove: na Casa do Saber –
22:30 Proxección das curtametraxes – se chove: salón de actos do Pazo de San Marcos
23:30 Votación do público e deliberación do xurado
23:45 Entrega de premios: o otorogado polo público e o do xurado
‘Findecurta’ é unha iniciativa programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que busca servir de impulso a novos creadores audiovisuais. Conta coa colaboración de Celuloide Paranoide – blog de cine a seguir –