A curtametraxe Maullidos de látex acadou este premio no Festival RIR de Allariz
SETEMBRO 2018 Primeiro festival no que participa a curtametraxe Maullidos de látex, do lucense Brian Rodríguez Cortiñas, e primeiro premio. GRAN OVACIÓN. Tras ser seleccionada para formar parte da competición oficial do Festival RIR–Festival Internacional de Curtas de Comedia de Allariz fíxose co Premio Vicente Risco ó Mellor Guión. Esta decisión foi tomada por un xurado composto pola actriz María Costas, o periodista Moncho Lemos e os directores Miguel Ángel Lamata e Juan Hervella-Rego.
Brian Rodríguez acudiu á gala de entrega de premios que se celebrou este sábado 8 na Casa da Cultura de Allariz. A organización do festival preparou unha sorpresa cando o lucense subiu a recoller o premio, nese momento apareceu un home cunha máscara de gato idéntica á que leva o protagonista de Maullidos de látex e deulle unha aperta ao director.
Maullidos de látex, curtametraxe escrita e dirixida por Brian Rodríguez e co-protagonizada por Javier Miranda e Olalla Caamaño, conta a historia dun home que un día se pon unha máscara de gato e non a volve a sacar, está filmada coas formas estilísticas propias dos vídeos informativos dos medios dixitais. A curta foi realizada, coma é habitual nas curtas de Brian Rodríguez, de man da asociación lucense Juan Casaveteiro.
Brian Rodríguez -youtube-, realizador, guionista e editor de vídeo licenciado en Humanidades e Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais combina o traballo de realización de vídeo coa creación de ficción, sexa en forma de curtametraxes ou sketches baixo o nome de Casaveteiro Films. É co-coordinador do proxecto didáctico-audiovisual A Lanterna Máxica e, ademais, tamén escribe, dirixe e interpreta para a compañía teatral lucense Microefectos Dramatúrxicos.