O lucense Xacio Baño, director de Trote, estará nos Codex Cinema o xoves día 20 as 19:30 para presentar a película.
Decembro 2018 Converter o cinema galego nun protagonista habitual das billeteiras dos cinemas é un obxectivo que teñen marcado con letras ben grandes a xente dos Codex Cinema. En Galicia faise moito cinema e por desgraza unicamente obteñen relevancia nos medios cando teñen un grande presuposto ou algunha estrela á cabeza. A riqueza e importancia do cinema galego nace tanto desas producións como de filmes máis pequenos, feitos cun presuposto reducido. Rastrexar todas esas expresións artísticas é unha obriga para Codex Cinema.
Neste senso, a apertura dos Codex coincide no tempo cunha estrea comercial dun filme galego. Falamos de Trote, o debut no formato longo de Xacio Baño, tras unha consolidada e premiada carreira como director de curtas. Baño é un nome recoñecido internacionalmente por traballos onde xoga coas convencións visuais e narrativas, ofrecendo sempre unha mirada oblicua sobre temas se cadra manidos aos que consigue rexuvenecer e actualizar mediante un excitante xogo formal. Curtas como Anacos, Ser e voltar ou Eco acadaron unha grande repercusión, tendo esta última presenza no festival de Locarno, un dos máis importantes no mundo.
Baño, natural de A Mariña (nado en Xove), presenta en Trote moitas ideas que xa expresara nas súas curtas, especialmente no que se refire á forma coidadosa coa que reflicte o conflito psicolóxico interior das súas personaxes. Neste filme, bañado pola paisaxe e as tradicións galegas, a relación dos protagonistas co seu medio non ten unicamente unha intención narrativa, senón que tamén é unha expresión das súas inquedanzas emocionais. A habilidade do cineasta consegue que as súas imaxes expresen tanto ou máis que as palabras.
Trátase dun filme diferente, pero que non rexeita a ningún espectador. A mirada de Xacio Baño pode non ser convencional, mais non é allea a moitas situacións da vida cotiá de todos os galegos. Un contexto no que o cinema moitas veces non entra. A excepcionalidade de Trote é unha invitación a pensar nun cinema máis xusto, máis adecuado á realidade galega.
O resto dos filmes seguen en cartel
As seis películas que abriron os cinemas seguirán unha semana máis en cartel. O gran éxito de Cold War, o filme que máis solicitaban os cinéfilos lucenses seguirá sendo protagonista das billeteiras dos Codex, demostrando que hai espazo e interese para este tipo de propostas. Igualmente a gran sorpresa desta apertura, Con el viento, de Meritxell Colell seguirá a ter pases diarios. Este maxistral filme sobre relacións xeracionais dun grupo de mulleres dunha familia espertou o entusiasmo de moitos cinéfilos, que se achegan a nós para expresarnos o moito que se identifican con todas as emocións que expresa o filme.
O resto de filmes que forman parte da nosa grella seguirán tamén, pero con frecuencia reducida e afrontando a súa última semana. Os cinéfilos que deixaran escapar a semana pasada Lazzaro feliz, Os fantasmas de Ismael, Los amores cobardes ou Á sombra de Kennedy teñen aínda algunhas oportunidades, mais as últimas funcións terán lugar entre o mércores e o xoves, para facer sitio a dúas estreas moi agardadas na próxima semana, dous filmes que gañaron os premios máis importantes da temporada de festivais e dos que xa se poden ver avances nas nosas sesións: Entre dos aguas de Isaki Lacuesta (Concha de Ouro no Festival de Donostia) e Un asunto de familia de Hirokazu Kore-eda (Palma de Ouro no Festival de Cannes)