Mostra «Oswaldo Guayasamín 1919-1999″ en Afundación de Lugo

oswaldo-guayasamin

Setembro 2019 O próximo xoves 26 de setembro terá lugar a inauguración na Sede Afundación de Lugo da mostra «Oswaldo Guayasamín 1919-1999. Dúas series. Dous aniversarios».  A mostra conmemora o centenario do nacemento do pintor  e, ao mesmo tempo, o vixésimo aniversario do seu falecemento (Baltimore, 1999), ademais de ser o Ano Internacional das Linguas Indíxenas. Por todo iso, faise propicia para devolver á actualidade a incrible obra pictórica do artista.

Oswaldo Guayasamín é un dos artistas latinoamericanos máis destacados do século XX, coñecido polos seus retratos de importantes personalidades e pola súa vinculación ao muralismo, ademais de pola súa alta sensibilidade e coñecemento da vida indíxena e as culturas prehispánicas.

Visita guiada inaugural o 26 de setembro ás 19.30 h coa comisaria da mostra Pilar Cagiao. De balde! Inscrión 

A MOSTRA

En colaboración co Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes, mostránse dúas series de gravados: «De Orbe Novo Decades» e «Emocións».

A primeira, unha análise sobre a vida indíxena e o fenómeno da descuberta, foi concibida para ilustrar unha edición facsimilar do libro de nome homónimo de Pedro Mártir de Anglería, publicado orixinalmente en 1516. Se o relato do humanista italiano inspirou as 57 ilustracións do mestre ecuatoriano, efectuadas nos anos oitenta do pasado século, esas mesmas litografías e augafortes, que se refiren ás visións mutuas entre dous mundos que tiveron lugar a partir de 1492, suxeríronnos unha nova ollada desde os textos históricos, literarios ou xornalísticos.

Doutra banda, a serie «Emocións», denominada así pola propia Fundación Museo das Artes, a través de 20 litografías realizadas en España polo pintor quiteño, achéganos ao mundo dos sentimentos, outra das súas principais preocupacións pictóricas, onde, a dicir do propio Guayasamín, «puxen alí toda a miña alma e reflectín os temas máis eternos».

Comisariado e textos: Pilar Cagiao, profesora de Hª de América. Universidade de Santiago de Compostela

Deseño da mostra: José Luis Rey

ONDE: Sede Afundación Lugo -Praza Maior, 16 / Praza Santa María, s/n. Lugo (Lugo)

DATAS: 26 de setembro ao 11 de xaneiro 2020

HORARIO: Luns a sábados de 18.00 a 21.00 h

ENTRADA: Gratuíta

OUTRAS ACTIVIDADES RELACIONADAS COA MOSTRA

OBRADOIROS DE GRAVADO

Dúas sesións a cargo da profesional Tita Fraga.

Sábados 21 e 28 de decembro | 11.30 h a 13.30 h

Entrada libre e sen previa inscrición.

Para todos os públicos, que se poderán incorporar e abandonar o obradoiro a libre elección.

DIDÁCTICA escolares

Desde a Área Educativa de Afundación propoñen un programa para toda a comunidade escolar sobre valores e numerosos encontros entre as culturas española e americana.

Pachakuti wawakuna. Infantil a 3º de primaria
Visita conto que recolle historias do pasado en quechua

Tinkukuy qhiswa. 4º de primaria a 2º ESO
Visita obradoiro. Encontros en quechua

Oswaldo Guayasamín. 3º e 4º ESO, bacharelato e C.F.
Visita obradoiro

Prezo: 1 € / participante

Información e reservas no 982 289 096 ou areaeducativalugo@afundacion.org