Outubro 2019 O sábado 26 de outubro terá lugar a presentación do programa do Desencontro Inimigo 2019 no Ho! Gruf (Campo Castelo, 52) ás 13.30 coa actuación de Radio Zappa.

Radio Zapa! é un powertrio de rock explosivo e psicodélico de Compostela. Un estalido de letras incisivas, fuzz e intensas atmósferas instrumentais formado por Martín Zapata (guitarra e voz), Luís Iglesias (baixo e coros) e Fran Facal (batería e coros).

O Desencontro Inimigo é unha reunión/festival itinerante de fans de Los Enemigos e da música en directo,  que se leva celebrando desde 2001 por toda España. A edición número 19 terá lugar en Lugo entre os días 5 e 7 de decembro de 2019.

A iniciativa procede dun grupo de seguidoras/es de Los Enemigos para homenaxear á banda madrileña e ser unha cita fixa para amantes do rock, do blues, do soul, pero sobre todo, do pracer de vivir a música en directo con “amigos que nadie te presentó”.

A organización e as sedes van rotando por toda España. O programa baséase na celebración de concertos, pinchadas, exposicións fotográficas, xuntanzas gastronómicas, roteiros culturais e unha actividade deportiva: o campionato anual de fútbol sala, “Raspas Vs Porrones”.

Non se trata unicamente de facer unha homenaxe a Los Enemigos, o que acontecerá realmente durante estes días, será toda unha celebración da música en directo e do bo “rollo” do rock and roll.