Fusión de distintas artes e música en directo no «Experimenta» de Lugo. Danza, audiovisuais, poesía e música os próximos 24, 25 e 26 de xullo con Púlsar, San Jerónimo e Elle Belga.

Xullo 2019 A asociación cultural lucense Tele-Clube segue a darlle vida artística a espazos de Lugo, con propostas únicas e orixinais como o Ciclo Experimenta que vaise celebrar os próximos 24,25 e 26 de xullo con Púlsar, San Jerónimo e Elle Belga combinando danza, audiovisual, poesía e música en directo

Os espazos elexidos desta volta son: a Sala de Exposicións San Marcos e os Xardíns da Deputación… dende o que de un se sae ao outro, xerando un movemento que provoca cambios na percepción con esa propia dinámica do cambio de espazos, da exposición das propias obras que se atopan na sala á coidada natureza coa que nos abrazan os xardíns.

Mércores 24 de xullo

Performance “Púlsar” o coreógrafo e bailarín coruñés Javier Martín e o percusionista lucense Luis Casanova (Holywater, Guerrera, Moura), nun proxecto inédito en Lugo, baseado na exploración das conexións entre a pouco frecuente combinación de batería e danza, improvisando xuntas.

Despois da performance haberá un encontro aberto co público, participante activo da mesma.

Xoves 25 de xullo

Concerto audiovisual e poético de San Jerónimo, que presentarán en Lugo “El Sur” -o seu último traballo-, nun espectáculo no que haberá tempo para degustar pezas de traballos anteriores, coa visualización en directo das coidadas proxeccións que presenta a banda e misturado por momentos con retazos poéticos dunha colaboración moi especial, dunha poeta lucense, que será unha das sorpresas deste Ciclo Experimenta.

Venres 26 de xullo

Concerto de Elle Belga, presentando os seus últimos traballos, mentres traballan no seguinte do que cecais poidamos escoitar algún adianto. Se “Refugio” encaixa á perfección co espazo elixido, os Xardíns da Deputación, para tan impactante e emotivo concerto; con “Euforia” pasa o mesmo, título ben acertado para recibir en directo esa pureza de estilo, ondeas letras desgarradores pero en certa forma acougantes, que saen das voces de José Luis e Fany, perfectamente empastadas, deixan ocos para o silencio para perdernos no solpor de finais de xullo nos nosos xardíns misteriosos.

Cartel ciclo Experimenta Lugo

Organiza: Tele-Clube

Colabora: Deputación de Lugo

Datas:24, 25 e 26 de xullo de 2019, 20:30h.

Lugar:Sala San Marcos e Xardíns da Deputación de Lugo.

Entrada libre ata completar aforo