Foto: Gabinete Comunicación USC

María Regina Carreira López, doutora en Estudos Culturais pola USC e en Lingüística pola Université Rennes 2 (Francia), recolleu este venres na Facultade de Humanidades de Lugo o I Premio en Xestión Cultural ‘Ana Goy Diz’ que outorga a Cátedra Institucional de Xestión Cultural da USC que dirixen os docentes Gonzalo Francisco Fernández Suárez e Mª Dolores Fernández Tilve e que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

O premio concedéuselle pola súa tese de doutoramento ‘El rastro de la identidad: la representación de las migraciones atlánticas por medio de la indexación semántica de corpus textuales en documentos de archivo (1776-1939)’, defendida no programa de doutoramento en Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe e cunha cualificación de sobresaliente cum laude con Mención Internacional.

Regina Carreira é especialista en análise semántico, identidade e xestión do patrimonio documental e avaliadora experta para a Comisión Europea en programas marco de impacto social e creativo. Tal e como manifestou no acto a co directora da Cátedra de Xestión Cultural da USC, a profesora Fernández Tilve, o traballo de investigación premiado constitúe un exemplo “da excelencia científica, caracterizada polo rigor, a orixinalidade, a honestidade e a integridade”.  

No acto de entrega do galardón, que estivo presidido polo vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento da USC, Marcelino Maneiro, participou unha nutrida representación de autoridades académicas, políticas e civís, nomeadamente do eido cultural; entre elas, o director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, a alcaldesa do Concello de Lugo, a subdelegada do Goberno en Lugo, a vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, o secretario xeral de Universidades, a presidenta da Academia Galega do Audiovisual e os directores do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do Museo Catedralicio de Lugo.

O premio

Co Premio en Xestión Cultural ‘Ana Goy Diz’ búscase promover, recoñecer e difundir na sociedade galega estudos inéditos no campo da xestión cultural coa fin de contribuír á promoción da investigación e innovación no sector cultural en xeral e do patrimonio en particular. Ademais, afirmou a profesora Fernández Tilve, con el preténdese ademais honrar a memoria e “indiscutible legado” da finada Ana Goy Diz, catedrática de Historia da Arte da USC, académica de Belas Artes, representante en Galicia do Icomos, investigadora, difusora “e dinamizadora incansable do patrimonio cultural da provincia e da cidade que acolle esta cátedra”.