Actividades en Lugo polo Día das Letras Galegas

A programación do Concello inclúe, un paseo literario, unha conferencia de Adolfo de Abel Vilela, a presentación dun libro e concertos
dia-letras-galegas-en-lugo

Maio 2019 Lugo volverá cantarlle ás Letras Galegas. Así o avanzou este luns a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto a representantes dalgunhas das agrupacións corais e orfeóns que ofrecerán unha actuación, o propio 17 de maio.

Tal e como anunciou a edil, este é o terceiro ano que se celebra esta actuación, que arrincará ás 18:00 horas, e recorrerá a rúa Bispo Aguirre e a Praza Maior, seguindo o paseo literario que existe nestes espazos. Actuarán 9 agrupacións: a Coral Lugh, a Coral Xolda, o Orfeón Lucense, o Coro do Hospital, a Coral E. do Miño, Cantar Delas, a Asociación Amigos do Camiño, Orfeón Xoán Montes e o Grupo Solo Voces. Terá unha duración de 90 minutos e contará co xornalista Paco Nieto como presentador do concerto.

As obras que interpretán son as seguintes: en primeiro lugar, diante da estatua de Álvaro Cunqueiro, a Coral Lugh cantará Quen puidera namorala e O sol da primavera. En segundo lugar, diante de Uxío Novoneyra, a Coral Xolda entoará Compañeira e Sementeira; en terceiro lugar, diante de Curros Enríquez, o Orfeón Lucense interpretará A nena na fonte e O meu amor é mariñeiro; en cuarto lugar, na estatua de Otero Pedraio, o Coro do Hospital actuará cos pezas Ai, flores de verde pino e Canción do temporal. Xa en quinto lugar, diante de Eduardo Pondal, será a quenda da Coral E. do Miño, con Paxaro que vas voando e Lonxe da terriña. Continuando, diante de Rosalía de Castro, Cantar Delas actuará coas pezas Do mar pola orela e Os teus ollos. Diante de Valle Inclán, Amigos do Camiño interpretará Meus amores e Merla merlina. En octavo lugar, na estatua de Castelao, o Orfeón Xoán Montes cantará Vento mareiro e O cuco. Xa por último, ante a estatua de Manuel María, Solo Voces entoará Terra Chá e O Cuco. 

Ao rematar, todas as mulleres pertencentes ás corais actuantes interpretarán O pensar do labrego, e logo, todos os homes intepretarán a peza Lonxe da terriña. A continuación as corais participantes, todas xuntas, cantarán Negra Sombra e logo o Himno Galego. Estas actuacións conxuntas faranse nas escaleiras do fondo da Praza Maior.

Así mesmo, o Concello programou o día 15 de maio, ás 20:00 horas, no auditorio do Vello Cárcere, unha conferencia a cargo de Adolfo de Abel Vilela: Antonio Fraguas Fraguas en Lugo. A etapa da liberdade e do recoñecemento intelectual (1950-1959). Presentarase o libro do mesmo autor.

Ao día seguinte, o patio deste centro sociocultural acollerá o concerto de Evoéh, unha iniciativa artística, creada por Ariana Barrabés (voz) e Jesús Olivares (Guitarra), coa intención de darlle unha nova visión á música e á poesía. Coa súa práctica artística encherán o Vello Cárcere de emocións. Será a partir das 21:00 horas, e a entrada é libre ata completar cabida.

A maiores, o propio Día das Letras Galegas, o Arde Lvcvs Cvltvral ofrecerá unha degustación e venda de pan romano, como vén sendo de costume os últimos anos. Os soportais da Praza Maior acollerán os distintos postos en xornada de mañá, de 11:30 a 14:00 horas.

Por outra banda, a programación de Artes Escénicas ten preparado para conmemorar esta data, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, o concerto de Leilía, Cantar Elas. Ás portas de facer 30 anos xuntas, Leilía afronta este aniversario coa presentación dun novo espectáculo que revise a súa discografía, a súa traxectoria musical fiando as súas orixes coas aprendizaxes adquiridas ao longo destes anos.

programacion-auditorio-gustavo-freire