Novembro 2019 Os actos que dende a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua se organizan co gallo do XIX aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade son: 

O mércores 27 de novembro, ás 18 horas, o patio do Vello Cárcere acollerá á artista Luz Darriba, que inaugurará a súa exposición “Amurallando os soños II Cumulum 2000 – 2019”, que tratará sobre a acción realizada pola artista no ano 2000.

O sábado 30, o día do XIX aniversario, o fotomatón gratuíto “A Muralla e Ti”, que nesta fin de semana realizou xa 300 fotos de veciñas e veciños que quixeron colaborar a construír unha muralla de persoas, volverá estar instalado na praza Maior de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas. A partir das 13 horas, a Banda Filharmónica Infantil realizará un concerto diante da Mosqueira que, en caso de choiva, será trasladado ao patio do Vello Cárcere. A xornada rematará co concerto de Solo Voces, “Que o Camiño nos leve a atoparnos”, ás 19:30 horas no patio do Vello Cárcere.

As actividades rematarán o vindeiro martes, 3 de decembro, no Auditorio do Vello Cárcere onde, a partir das 19 horas terá lugar a mesa redonda “Implicación das institucións na consecución do recoñecemento da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade”, moderada por Rubén Arroxo, e que contará con Branca Rodríguez Pazos e Cándido López Castiñeira. Ás 20 horas, Adolfo de Abel Vilela impartirá unha conferencia baixo o título “O dilema histórico da importancia da Muralla como monumento”.