Do 18 ao 21 de xuño en Lugo, máis de 300 actividades que encherán a cidade de historia, emoción e espectáculo.

Grandes desfiles, recreacións históricas, campamentos, concertos, espectáculos itinerantes e centos de propostas para todos os públicos.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, acompañada polos concelleiros de xuventude e deportes, Damián Carballo, de Cultura e Educación, Javier Vázquez e de turismo e museos, Agustín Gallego, así como representantes de diferentes asociacións de recreación histórica deron a coñecer unha programación especial para conmemorar o XXV aniversario da festa, unha edición bautizada como Annus Argenteus que volverá converter as rúas da cidade nun gran escenario de recreación histórica.

«Presentamos o Arde Lucus no lugar onde conflúen os tres patrimonios mundiais porque son precisamente a nosa historia e o noso patrimonio os que fan posible unha festa única como esta… o noso goberno ten un reto, queremos que o valor do que definimos como un dos patrimonios inmateriais que ten a cidade (o Arde Lucus) teña presenza os 365 días do ano; aproveitaremos a investigación e o traballo das Asociacións de Recreación histórica dándolles un espazo físico no MIHL» Elena Candia.

ARDE LUCUS 2026 - PROGRAMA

Entre as novidades desta edición destaca a incorporación de Celtica Pipes Rock e Grimorium á programación musical. Celtica Pipes Rock actuará o sábado pola noite na Praza de Santa María cun espectáculo que fusiona música celta e rock, mentres que Grimorium achegará ao Arde Lucus unha proposta escénica baseada na percusión, o lume e a animación de rúa. Xunto a eles, Abraham Cupeiro será o encargado de poñer o broche final á programación musical da festa o domingo.

Outra das novidades será a ampliación do Circus Maximus, un dos actos máis multitudinarios da celebración, que nesta edición contará cunha terceira sesión nocturna para facilitar a asistencia do público e ampliar a oferta de espectáculos.

Podes consultar o programa do Arde Lucus 2026 en: https://ardelucus.com/programa/