Cincuenta e tres anos de historia avalan ao decano dos festivais de música clásica de Galicia, tradicionalmente coñecido como a Semana da Música do Corpus, que reúne anualmente a grandes figuras do panorama musical nacional e internacional en Lugo.
Terá lugar do 13 ao 30 de maio con concertos no Auditorio Fuxan os Ventos e no Círculo das Artes.
Os concertos programados no Círculo das Artes de Lugo serán de balde ata completar aforo. Para os concertos programados no Auditorio Fuxan os Ventos, as entradas deberán adquirirse en entradaslugo.es (dispoñibles a partir do día 23 de abril ás 16h.), na Oficina de Turismo, praza do Campo 11 (horario todos os días de 10 a 18 horas) ou no propio Auditorio.
Conforman os concertos do Festival unha programación diversa que abarca cinco séculos de música, con predominio da música barroca, pero sen deixar de lado a música de cámara ou a sinfónica, e sempre coa premisa básica de apostar pola calidade e a diversidade de enfoques e repertorios.
Para inaugurar o festival, o 13 de maio, no Auditorio Fuxan os Ventos, Accademia del Piacere —dirixida polo intérprete de viola da gamba sevillano de orixe sirio-palestino, Fahmi Alqhai— une forzas co grupo Constantinople —con sede en Montreal, Canadá, e dirixido por Kiya Tabassian, nado na antiga Persia— mergúllanse na música do Renacemento español e dos imperios persa e otomán dos séculos XV e XVI no espectáculo De Sevilla a Isfahán .
Un referente mundial no seu instrumento é a zanfonista canadiana Tobie Miller, residente dende fai anos en Basilea, onde creou o seu grupo Ensemble Danguy. Estarán no Círculo das Artes o 23 de maio cun repertorio de música barroca francesa no que a zanfona é a protagonista virtuosa.
Dende Salzburgo chegará o Amatis Trío (21 de maio), case o único conxunto estable en Europa con esta formación de trío con piano, e gañador de innumerables premios e recoñecementos internacionais. Amatis Trío está formado pola violinista alemana Lea Clara Hausmann, o chelista británico Samuel Sepherd e o pianista holandés Mengjie Han.
Rachell Ellen Wong, a violinista estadounidense de renome internacional, dirixirá e actuará como solista coa Orquestra Barroca Vigo 430 o 30 de maio no Auditorio Fuxan os Ventos, presentando un programa con obras de Purcell, Vivaldi e C.P.E. Bach. Neste concerto tamén intervendrá como solista a violonchelista barroca Amarilis Dueñas.
Dous dos solistas españois máis destacados nos escenarios internacionais, o violonchelista Adolfo Gutiérrez Arenas e o pianista Josu de Solaun, actuarán xuntos o 19 de maio no Círculo das Artes en Parisien, un programa de música francesa do XIX.
A soprano Alicia Amo xunto co grupo Música Boscareccia presentará o 27 de maio un programa titulado Arianna a Naxos, no que fará un recorrido dende a cantata co mesmo nome de Joseph Haydn ata os Lieder de Schumann e Schubert. Será tamén no Círculo das Artes.
A vertente sinfónica do festival estará representada o 22 de maio, no Auditorio Fuxan os Ventos, pola Orquestra Sinfónica “Cristóbal Halffter”, dirixida nesta ocasión por Javier Fajardo. Afrontarán un programa adicado ao Centenario de Manuel de Falla co Concerto de Aranjuez de Joaquín Rodrigo, coa solista de guitarra Sara Guerrero, e El Amor Brujo de Falla. Sen dúbida un programa moi atractivo e para todos os públicos
PROGRAMACIÓN
13 de maio – Auditorio Fuxan os Ventos – 20:30
Accademia del Piaccere & Constantinople
Fahmi Alqhai – Kiya Tabassian, dirección
De Sevilla a Isfahan
Os séculos XV e XVI foron unha Idade de Ouro para a música en España, Persia e Asia Central. En España, os compositores renacentistas combinaron a tradición franco-flamenca coas influencias medievais cristiás, musulmás e xudías, creando unha linguaxe polifónica única. Mentres tanto, nas cortes persa e otomá, a música floreceu como expresión da vida intelectual e cortesá, producindo obras refinadas que sobreviviron ata os nosos días a través de manuscritos históricos. De Sevilla a Isfahán une estes dous mundos musicais.
A Accademia del Piacere —dirixida polo intérprete de viola da gamba sevillano de orixe sirio-palestina, Fahmi Alqhai— une forzas con Constantinople —con sede en Montreal, Canadá, e dirixida desde o setar por Kiya Tabassian, nado na antiga Persia— para explorar repertorios de Iberia, Persia e Asia Central, combinando virtuosismo, cor e profundidade expresiva.
19 de maio – Círculo das Artes – 20:30
Josu de Solaun / Adolfo Gutiérrez Arenas
Parisien
O dúo Josu de Solaun (piano) – Adolfo Gutiérrez Arenas (violonchelo) está composto por dous músicos extraordinarios con importantes carreiras internacionais como solistas.
Como continuación a gravación do seu álbum «Parisien», que inclúe obras de Fauré, Debussy e César Franck e foi eloxiado unanimemente pola crítica de todo o mundo desde o seu lanzamento, realizaron numerosos concertos, consolidándose como un dúo líder no escenario internacional.
Josu de Solaun foi galardoado dúas veces cos prestixiosos Premios Internacionais de Música Clásica (ICMA): en 2021, na categoría de música de cámara, e en 2023, como mellor solista.
Na edición de 2023, o xurado do ICMA declarou o seguinte sobre el: «Josu de Solaun é un dos descubrimentos máis impresionantes da última década. Non só é un pianista tecnicamente abraiante, senón que a súa imaxinación interpretativa tamén é ilimitada».
Tamén é o único pianista español que gañou primeiros premios tanto no Concurso Internacional de Piano José Iturbi (2006) como no Concurso Internacional de Piano George Enescu (2014).
Nado en Múnic, Adolfo Gutiérrez Arenas é sen dúbida o violonchelista español con maior recoñecemento internacional na actualidade.
Debutou coa Royal Philharmonic Orchestra de Londres baixo a dirección de Charles Dutoit e foi convidado de inmediato a tocar coa mesma orquestra, esta vez baixo a batuta de Edward Gardner, para o concerto de apertura do Festival Internacional de Santander de 2013, interpretando o Concerto para violonchelo de Elgar.
Entre os seus compromisos recentes inclúense o seu debut coa Orquestra Gewandhaus dirixida por Riccardo Chailly e un recital no Festival Mendelssohn na Gewandhaus de Leipzig, actuacións coa Orquestra Nacional de España dirixida por Ton Koopman e coa Orquestra Sinfónica de Fort Worth xunto a Miguel Harth-Bedoya, así como invitacións de Kent Nagano e a Orquestra Sinfónica de Montreal, e de Vladimir Jurowski e a Orquestra Filharmónica de Londres.
21 de maio – Círculo das Artes – 20:30
Amatis Trío
Lea Clara Hausmann, violín / Samuel Shepherd, cello / Mengjie Han, piano
Cancións sen palabras (Schubert e Mendelssohn)
Amatis é o único trío con piano en Europa dedicado exclusivamente a esta formación, o que resulta nunha calidade de interpretación excepcional.
Fundado en Ámsterdam en 2014 e actualmente con sede en Salzburgo, o trío é recoñecido polas súas enérxicas actuacións, liberdade artística e programación innovadora.
Co seu nomeamento como Artista de Nova Xeración da BBC Radio 3 (2016) e ECHO Rising Stars (2018), Amatis Trio comezou a súa rápida ascensión ao recoñecemento internacional. Desde entón, actuou en 46 países e gañou prestixiosos premios, incluíndo o Kersjesprijs holandés e o Premio Borletti-Buitoni Trust.
Amatis Trio participou en festivais de renome como os BBC Proms, o Festival de Verbier, a Mozartwoche de Salzburgo e o Festival de Edimburgo. Actúa regularmente en lugares emblemáticos como o Wigmore Hall de Londres, o Concertgebouw de Ámsterdam e a Elbphilharmonie de Hamburgo.
22 de maio – Auditorio Fuxan os Ventos – 20:30
Orquestra Sinfónica “Cristóbal Halffter” (OSCH)
Javier Fajardo, director
Sara Guerrero, guitarra / Cristina Lázaro, cantaora
De Aranjuez a Granada
Rodrigo: Concerto de Aranjuez / Falla: El Amor Brujo
A Orquestra Sinfónica Cristóbal Halffter nace da Camerata Clásica de Ponferrada, un conxunto de cordas formado por músicos vinculados á rexión, que conta con dous álbums gravados e doce anos de experiencia. A Orquestra Sinfónica comezou a súa andaina en 2018.
Este proxecto contou co apoio do recoñecido compositor Cristóbal Halffter, que se entusiasmou ao escoitar a idea e prestou o seu nome para avalala. Actualmente, a orquestra está dirixida polo mestre Pedro Halffter.
Para este concerto en Lugo, que conmemora o centenario de Manuel de Falla, a orquestra estará dirixida por Javier Fajardo, director, entre outras agrupacións, do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia.
23 de maio – Círculo das Artes – 19:00
Ensemble Danguy
Tobie Miller, vielle à roue barroca e dirección
La Belle Vielleuse (Repertorios virtuosos de zanfona no século XVIII)
O Ensemble Danguy, con sede en Basilea, Suíza, especialízase no variado repertorio da zanfona (coñecida como vielle à roue) nas súas moitas interpretacións históricas. Para cada período histórico e/ou programa, Danguy esfórzase por traballar cos especialistas de renome internacional máis axeitados.
O Ensemble Danguy toma o seu nome do famoso virtuoso intérprete de zanfona do século XVIII coñecido simplemente como l’illustre Danguy.
O vasto e único repertorio escrito especificamente para a zanfona durante a súa idade de ouro na Francia do século XVIII, raramente escoitado hoxe en día, foi o foco das tres primeiras gravacións do ensemble, todas para o selo Ricercar (La Belle Vielleuse (2017), Les Saisons Amusantes (2019) e Le Berger Innocent (2024)).
O Ensemble Danguy está dirixido pola virtuosa intérprete de zanfona canadense Tobie Miller (CA/FR/CH), un dos poucos intérpretes de zanfona que chegou ao instrumento a través da música antiga.
27 de maio – Círculo das Artes – 20:30
Música Boscareccia
Alicia Amo, soprano
Arianna a Naxos (Obras de Haydn, Schubert e Schumann)
O conxunto Musica Boscareccia, fundado pola soprano Alicia Amo e o violinista Andoni Mercero, toma o seu nome da colección de cancións publicada por Johann Hermann Schein en Leipzig en 1621 (“Musica Boscareccia” – música do bosque).
É un grupo con instrumentación variable dedicado principalmente á interpretación de repertorio vocal de cámara dos períodos barroco, clásico e romántico.
Musica Boscareccia actuou no Festival Internacional de Santander, na tempada da Orquestra Barroca de Sevilla, no Festival de Música Española de Cádiz, no Ciclo Barroco de Salamanca, no Festival de Arte Sacra de Madrid, no Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo, no Festival de Música Antiga de Aranjuez, no Ciclo Universo Barroco do Auditorio Nacional de Música, no Festival de Música Antiga de Sevilla, na Fundación Juan March, na Fundación La Caixa, no Festival de Música Antiga de Úbeda e Baeza e en moitos outros escenarios.
30 de maio – Auditorio Fuxan os Ventos – 20:30
Orquestra Barroca Vigo 430
Rachell Ellen Wong, violín e dirección
Amarilis Dueñas, viloloncello
Metamorfosis Barrocas (Obras de Locke, Purcell, Vivaldi e C.Ph.E. Bach)
A violinista Rachell Ellen Wong é unha das intérpretes máis dinámicas da súa xeración, recoñecida polo seu dominio absoluto do repertorio para violín tanto barroco como moderno.
En 2020, fixo historia como a primeira e única artista barroca en recibir a bolsa de estudos Avery Fisher Career Fellowship.
A súa rara combinación de virtuosismo con cordas tripais, profundidade expresiva e profundo coñecemento da interpretación histórica valeulle recoñecemento internacional. Nomeada a «virtuosa máis accesible» pola New York Classical Review, actuou como solista nos cinco continentes e colaborou con conxuntos líderes como a Sinfónica de Seattle, a Orquestra Sinfónica de Milwaukee, a Academy of Ancient Music, o Jupiter Ensemble, o Bach Collegium Japan e The English Concert.
O programa que presenta coa Orquestra Barroca Vigo 430 nace do diálogo entre mundos que, a pesar de seren diferentes, comparten o mesmo pulso creativo: a capacidade do Barroco para transformar, reinventar e sorprender.
Desde o refinamento inglés de Matthew Locke e Henry Purcell ata o virtuosismo luminoso de Antonio Vivaldi, na primeira parte do concerto mergullámonos nun universo de fantasía escénica, onde as danzas, as atmosferas teatrais e a famosa Follia —reinterpretada hoxe polo compositor contemporáneo Paul Wiancko— revelan a forza perdurable dun mesmo espírito: a imaxinación sen límites.
Na segunda parte, con música de Carl Philipp Emanuel Bach ábrese a porta a unha verdadeira metamorfose estilística.


























