Unha das exitosas propostas do San Froilán é a «Verbena Galega d’Antes» que transcurre na Praza Maior. A idea orixinal de recrear unha verbena dos anos 40/50 é de Xabier Iglesias, da escola tradi Oxeito, que tamén leva a direción deste espectáculo participativo onde o público pode en calquera momento introducirse na verbena tal e como recollen as fotos.
Primeiro hai un obradoiro de baile dirixido o público xeral, no que non é preciso coñecementos previos e é apto para todas as edades (a partir de 5 anos) No obradoiro se aprenden os pasos base para poder participar na verbena galega que acontece despois.
O repertorio de “verbena galega” consta dunha serie de bailes e músicas recollidas na provincia de Lugo: pasodobles, rumbas, mazurcas, valses e, por suposto, muiñeiras e xotas. Na parte musical, que corre a cargo do grupo de música tradicional Airiños da Freba,o repertorio foi recollido e seleccionado polos compoñentes do grupo dentro dun traballo de campo que os levou por toda a provincia de Lugo. Os bailes forman parte do arquivo de Xabier Iglesias e foron recollidos pola provincia de Lugo.
O vestiario é da escola Oxeito baseado nos vestidos desas décadas e días antes anímase ao público para que argalle no seu fondo de armario, nas prendas dos seus pais, nais, avós, avoas e se anime a caracterizarse de esa época.
Nas festas do San Froilán de Lugo é o terceiro ano que se fai, cada ano con máis participación.