Programación
Xullo | 22.30 horas

Sábado 4 – Orbazai: El Casoplón.
Sábado 18 – Benade: Antes de nós.
Mércores 29 – Parque da Milagrosa: Wolfgang, Extraordinario

Agosto | 22.00 horas

Mércores 12 – Parque Rosalía de Castro: Amigos imaxinarios.
Sábado 15 – San Xoán do Campo: Los tipos malos II.
Sábado 29 – Nadela: Sorda

Setembro | 22.00 horas

Xoves 10 – Praza de Santa María: Rondallas.

Todas as sesións serán de acceso gratuíto.

O Concello de Lugo, a través da área de Cultura e Educación, incorpora este verán unha nova proposta á programación cultural municipal coa posta en marcha de Cine na Rúa, un ciclo de sete proxeccións ao aire libre pensado para achegar o cinema a distintos barrios e parroquias do municipio.

A iniciativa nace coa vocación de converter rúas, prazas e espazos públicos en lugares de encontro para desfrutar da cultura en familia durante as noites de verán, cunha programación gratuíta, variada e dirixida a públicos de todas as idades.

Un dos aspectos máis destacados do ciclo é a súa aposta pola descentralización da oferta cultural, xa que catro das sete proxeccións celebraranse no rural, concretamente nas parroquias de Orbazai, Benade, San Xoán do Campo e Nadela, achegando por primeira vez esta actividade a diferentes puntos do municipio.

O concelleiro de Cultura e Educación, Javier Vázquez, destacou que esta nova iniciativa responde ao compromiso do Goberno municipal de facer chegar a cultura a todo o territorio. «Con este novo ciclo achegamos o cinema ao aire libre a distintos puntos do municipio cunha programación variada e pensada para compartir en familia.»

O edil engadiu que «o rural tamén forma parte da vida cultural de Lugo. Por iso quixemos que esta programación tivera unha presenza destacada nas parroquias, para que todos os veciños e veciñas poidan acceder á cultura sen necesidade de desprazarse ao centro da cidade.»