A Xunta de Goberno Local aprobou o 20/06/2026 o texto da ordenanza reguladora dos prezos públicos do Auditorio Fuxan Os Ventos, que será elevado ao Pleno ordinario deste mes para a súa aprobación inicial. Unha vez superado este trámite, abrirase un novo período de exposición pública e volverá ao Pleno para a súa aprobación definitiva.
A nova ordenanza regula tanto as condicións de utilización das instalacións como os prezos públicos correspondentes, ofrecendo seguridade xurídica aos organizadores e establecendo un procedemento obxectivo para autorizar os distintos usos.
No seu artigo 5, a ordenanza establece un réxime de exencións e bonificacións. Así, estarán exentas do pagamento as actividades culturais ou de calquera outra índole organizadas ou coorganizadas polo Concello de Lugo, así como aquelas promovidas por entidades ás que se lles conceda un patrocinio municipal.
Segundo explicou a rexedora, esta medida permitirá que o tecido asociativo, cultural, social e deportivo da cidade poida beneficiarse destas exencións para desenvolver a súa actividade no auditorio.
Ademais, o propio artigo contempla un apartado de bonificacións que permitirá á Xunta de Goberno Local ou, por razóns de urxencia, á Alcaldía, acordar a redución ou a condonación total das tarifas para actividades de carácter social, cultural, benéfico ou formativo.
A ordenanza tamén establece diferentes tarifas para entidades privadas que vexan no Auditorio Fuxan Os Ventos un espazo axeitado para a organización dos seus eventos, configurando un abano de posibilidades que permita adaptar o alugueiro ás distintas actividades.






