A artista Blanca Gómez Terán e o creador e intérprete Óscar Bueno inician este luns, 17 de agosto, en Lugo, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso.

As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Deste xeito, o Vello Cárcere da cidade amurallada acolle, até o xoves, 27 de agosto, estas dúas novas residencias artísticas de RPM en 2026, en torno ás propostas Como cuando el pelo se eriza, de Blanca Gómez Terán, e La excitación del paisaje: conferencia montañera, de Óscar Bueno.

Unha vez finalizadas as súas residencias artísticas, os creadores ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Vello Cárcere de Lugo, o xoves, 27 de agosto, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo. 

Paralelamente, Blanca e Óscar participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

SOBRE OS PROXECTOS
Como cuando el pelo se eriza

Este proxecto parte dunha incoherencia: unha desgarrada carencia de desexo e unha necesidade de facer o que me dea a gana. De aí nace unha investigación coreográfica obsesionada co capricho. Capriccio do italiano: combinación de caput (cabeza) e ericius (ourizo). As primeiras semánticas do termo aparecen no século XIII, onde se refería á sensación dun tremor súbito, como cando o pelo se ouriza de espanto. Durante o Barroco temperán, o significado evolucionou cara a «antojo repentino». Neste mesmo marco temporal, o termo comeza tamén a designar un tipo de formas artísticas, un xénero musical, pictórico e arquitectónico.

É un proxecto coreográfico ao que lle interesa xogar e afondar nunha constelación semántica que deriva deste tremor súbito: o desexo, a clase e o tempo. Un corpo impaciente que habita unha relación cunha ausencia, unha potencia de algo que aínda non está, non é e que, tal vez, nunca sexa. Esa potencia especulativa paréceme extremadamente erótica e quero incorporala a través de “tal vez” bailes e de “tal vez” cantares.

La excitación del paisaje: conferencia montañera

É un proxecto de investigación artística desde o que me propoño a paisaxe non como algo dado, senón como unha relación: a que se establece entre quen mira e aquilo que é mirado. Nese cruzamento, a paisaxe aparece como un campo de preguntas sobre a nosa relación co contorno.

Corpo, imaxe e son actívanse como ferramentas para desprazar esa relación e ensaiar outras formas de vincularnos co contorno. Non se trata só de mirar, senón de preguntarse que ocorre nese acto, que tipo de presenza produce e como pode transformarse.

Este proxecto nace do proceso de investigación La excitación del paisaje: La roca blanda, realizado nos Pireneos entre finais de 2025 e comezos de 2026. Trátase da Paisaxe nº4 e céntrase nas paisaxes que construímos coas montañas. Fronte á súa escala e á súa aparente inmobilidade, a rocha —dura, pesada— proponse como materia sensible: algo que pode escoitarse, rodearse, imaxinarse e incluso trasladarse. Tamén suavizarse: alterar o seu peso, desprazar a súa escala, abrila a outras percepcións. Mirala desde outros puntos de vista e achegala ao corpo.

O proxecto despregase en distintos formatos —encontros, materiais visuais e sonoros e un dispositivo escénico— e, nesta ocasión, toma a forma dunha conferencia expandida: un espazo onde a montaña tenta desbordarse, abrandarse e contarse.