Do 28 de setembro ao 2 de outubro de 2026, desenvolverase a iTERRA Talent Week, unha semana de inmersión na investigación organizada polo Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible iTERRA.
Durante cinco días as persoas participantes poderán coñecer de primeira man como se investiga no Campus de Lugo, entrar en contacto cos grupos do instituto e participar en experiencias deseñadas especificamente para estudantado universitario.
“Non se trata só de coñecer a investigación: queremos que se poida participar nela e descubrir se chegará a formar parte do futuro académico ou profesional das persoas participantes”, sinala Marta López, directora do iTERRA da USC.
Os prazos de inscrición e os detalles do procedemento poden consultarse no web do evento.
O luns 28 de setembro, ás 13.00 horas, na sede do iTERRA (Pavillón 4 da Facultade de Veterinaria, 3º andar) desenvólvese a xornada de presentación para dar conta dos grupos participantes e as actividades que se desenvolven durante a semana. É tamén o momento de resolver dúbidas sobre os itinerarios e de que cada participante recolla o seu Pasaporte iTERRA Talent Week.
Do 29 de setembro ao 1 de outubro, teñen lugar os talleres e as experiencias. “Pode escollerse entre diferentes propostas e participar directamente na investigación que se desenvolve nos grupos do iTERRA: talleres prácticos, demostracións, visitas a laboratorios, experiencias de campo, análise de datos, técnicas experimentais e moito máis”, engade a profesora Marta López.
Ademais, o venres 2 de outubro, ás 13.00 horas, no iTERRA, ten lugar unha conversa con persoal investigador entre petiscos. Trátase dun “encontro informal para preguntar sobre iniciación á investigación, bolsas, contratos, doutoramento, oportunidades profesionais e como é realmente traballar en investigación, mentres compartimos uns petiscos”, sinala a directora.
Unha vez revisadas as actividades, as persoas participantes deben seleccionar aquelas nas que lles gustaría intervir. “Algunhas experiencias teñen prazas limitadas, polo que pedimos que se indiquen as preferencias e algunhas opcións alternativas”, engade Marta López.
A organización elaborará os itinerarios tendo en conta: as preferencias indicadas; a compatibilidade dos horarios; e as prazas dispoñibles en cada actividade.






