Inauguración da exposición PARTIR / CORTAR / RISCAR de Catara Rego

Solaina², o novo espazo da galería Solaina en Lugo, inicia a súa programación o vindeiro xoves 24 ás 20h con «PARTIR / CORTAR / RISCAR», unha proposta da artista visual e fotógrafa Catara Rego (Meira, Lugo, 1996) que aborda a extracción como unha ferramenta de transformación territorial e como un proceso mediante o cal a paisaxe é convertida en material de consumo.
A exposición parte dunha operación aparentemente sinxela: extraer. Un territorio que antes formaba parte dunha paisaxe pasa a ser separado, medido e definido polas súas características físicas —tamaño, forma, composición— para adquirir un novo valor e converterse nunha unidade comercializable.
En «PARTIR / CORTAR / RISCAR», Rego traslada esta lóxica de extracción ao propio espazo expositivo a través de dúas fotografías e unha peza de aluminio. As imaxes rexistran o rastro físico deixado sobre a pedra, facendo visible o corte como pegada dun proceso de transformación. A superficie natural aparece así marcada pola acción extractiva, convertendo a ferida no principal rexistro do que sucedeu.
A peza de aluminio leva esta operación un paso máis alá ao trasladar un fragmento dese terreo a un soporte industrial. A obra reproduce, en certo modo, a mesma operación realizada pola canteira sobre a paisaxe: separar unha superficie do seu lugar de orixe para convertela nun obxecto.
O traballo propón así unha reflexión sobre a maneira na que a extracción modifica non só a configuración física do territorio, senón tamén a súa percepción e o seu valor. Ao separar un fragmento da terra e presentalo como obxecto, a exposición pon en cuestión os procesos polos que unha paisaxe deixa de ser entendida como territorio para pasar a ser considerada materia, recurso e mercadoría.
A proposta adquire unha dimensión especialmente significativa no contexto galego, onde a explotación de recursos minerais e pétreos forma parte da transformación histórica e contemporánea de numerosas paisaxes. Sen buscar representar directamente unha canteira, Rego concentra a atención nun dos seus xestos fundamentais: partir, cortar, riscar, separar.
A primeira exposición de Solaina² establece así unha relación directa entre o novo espazo e a investigación da artista. Se Solaina² propón mirar cara ao interior desde a rúa, «PARTIR / CORTAR / RISCAR» introduce nese pequeno espazo unha reflexión sobre outra forma de mirar o territorio: observar as marcas, os cortes e as operacións que determinan aquilo que vemos e aquilo que queda oculto.
Sobre Catara Rego
Catara Rego (Meira, Lugo, 1996) é artista visual e fotógrafa. A súa práctica abrangue a fotografía documental, a instalación, o vídeo e a escultura, e céntrase na paisaxe como lugar no que conflúen explotación territorial, identidade e memoria.
Graduada en Belas Artes e en Deseño pola Universidade Francisco de Vitoria, conta cun máster en Fotografía de Autor e Xestión de Proxectos pola escola EFTI de Madrid.
O seu proxecto «Zona de sacrificio» recibiu o Premio Descubrimientos PHE23 de PHotoESPAÑA e foi presentado no Silo de Hortaleza no marco de PHotoESPAÑA 2024, en Madrid, e no Museu de la Mediterrània dentro do Festival Mirades, en Torroella de Montgrí, en 2025.
En 2025 presentou tamén a exposición individual «Inventario de geometría continua» en Navel, dentro do Festival OFF PHotoESPAÑA de Madrid. O seu traballo foi mostrado, entre outros espazos, en Matadero Madrid, Fundación Luis Seoane, Auditorio de Galicia
e JustMad Art Fair.
Solaina²
Solaina² é un novo dispositivo expositivo creado no interior de Solaina, situado nunha das esquinas da galería e visible exclusivamente desde a rúa a través do seu ventanuco.
Concibido como unha extensión do espazo habitual da galería, Solaina² combinará propostas específicas para este pequeno formato coa programación expositiva de Solaina, que continuará desenvolvéndose tamén na totalidade da sala.
Con esta primeira exposición, Solaina² comeza a construír unha programación propia e a explorar as posibilidades dun espazo que se sitúa nun punto intermedio entre a galería e a rúa, entre o interior e o exterior, e entre a experiencia expositiva e o xesto cotiá de
asomarse para mirar

