Festa de Samaín na Semente con obradoiro infantil e chocolatada

Festa de Samaín na Semente con obradoiro infantil e chocolatada
A escola Semente organiza o próximo venres 30 de outubro, a partir das 17:00, unha festa para celebrar o Samaín, tamén coñecido como festa de Santos ou Defuntos na tradición cultural galega.
Todas as nenas e nenos asistentes terán a opción de pintar o seu rostro con motivos típicos desta data, asistir a un espectáculo de contacontos e participar nun obradoiro para decorar cabazas de xeso.
No apartado gastronómico, quen asista poderá degustar chocolate quente e biscoito, e haberá opcións sen azucre.
A actividade ten un prezo de 6 euros por familia (5 euros para familias socias da Semente) e as inscricións deben realizarse a través do correo electrónico da asociación lugo@semente.gal
Localizada na antiga escola unitaria da aldea de Barbaín, na parroquia de Santa María de Bóveda, a Semente de Lugo comezou a súa andaina como centro escolar en setembro de 2016 e celebra este ano, por tanto, dez anos de vida. O seu modelo pedagóxico está baseado na revitalización da lingua e da cultura galegas. Por ese motivo, a celebración do Samaín tense convertido nun clásico do seu calendario de eventos, xuntamente con outras como a benvida ao Apalpador, o entroido ou os maios.
A próxima cita dese calendario será a celebración do magosto, o 13 de novembro, nunha festa que incluirá, ademais da degustación de castañas, a representación da obra de teatro A fada do saco verde, da compañía Loia Producións, pertencente ao Circuíto de Teatro Profesional da Deputación de Lugo.
GALIZA

