Ferra-lo vento: as marcas que escriben o monte

Concibido e editado por Adra Pallón e Belén Cordero, co texto de Nieves Neira, o libro cruza fotografía, deseño e escritura para explorar as relacións entre as bestas e os besteiros do norte de Lugo e as transformacións da serra do Xistral.

Ferra-lo vento é un proxecto realizado en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Puraga.

Como saber a quen pertence unha besta que vive no monte? A pregunta xurdiu nunha conversa entre Adra Pallón e Belén Cordero, mentres procuraban un concepto capaz de artellar o libro e de comprender un mundo ata ese momento descoñecido para eles. 

Aparentemente libres, as bestas móvense pola montaña, mais a meirande parte pertencen a casas concretas. O que permite recoñecelas como propias é unha marca, un sinal no corpo que identifica a súa procedencia.

Nalgúns casos, esa relación coa propiedade foise volvendo difusa co paso do tempo, ata que os animais quedaron fóra da intervención habitual dos seus donos. É nesa fronteira entre o propio e o salvaxe onde comeza a tomar forma Ferra-lo vento

A marca coma eixo conceptual e visual do libro

A partir desa pregunta, Pallón e Cordero converteron a marca no eixo conceptual e visual do libro. 

Non se trata só das iniciais, os números ou as figuras que os besteiros empregan para identificar as bestas. A marca aparece tamén na pegada que deixa un animal ao atravesar a neve, na herba dobrada polo paso, nos camiños, nos peches ou nas pistas que abren a montaña. Hai sinais que desaparecen case ao mesmo tempo que se producen e outros que permanecen, fixan límites ou transforman o territorio. Entre unhas marcas e outras móvese o libro.

Esta idea tamén se traslada á materialidade da obra. 

A cor e a textura da cuberta evocan tanto a pelaxe dunha besta como a turbeira. Sobre esa superficie, a ilustración incorpora unha marca branca que remite ás técnicas actuais de marcado con nitróxeno, que deixan o pelo do animal desa cor. A brancura da marca contrasta coa tonalidade escura da turba e volve unir, nun mesmo xesto, o corpo da besta e o territorio que habita. 

A cuberta convértese así nunha nova inscrición, e o propio libro, noutra pegada que tenta fixar imaxes, relacións e formas de vida.

As bestas no seu medio natural

A primeira parte do libro sitúa as bestas no seu medio natural. As imaxes detéñense nos corpos, nas greas e na paisaxe, entre a néboa, a neve e a turbeira. O territorio non aparece como un fondo inerte, senón como algo que participa da existencia dos animais e deixa pegadas sobre eles, igual que eles modifican o espazo ao percorrelo. 

O movemento é aquí unha forma de escritura sen soporte permanente: a neve conserva durante un tempo o paso, a herba dóbrase e a lama rexistra unha presenza que axiña pode desaparecer. 

A elección dun papel de textura orgánica acompaña esta primeira aproximación a un mundo no que as marcas non están necesariamente feitas para durar e no que a relación entre os corpos e a montaña non se pode reducir a unha delimitación estable.

A transición cara á seguinte parte toma a forma dun alfabeto forxado en ferro, no que se reunen as marcas das casas do Xistral: iniciais, números e figuras que permiten recoñecer e clasificar os animais. O que antes podía percibirse como unha pegada cambiante convértese agora nun código. As marcas fan lexible a besta para quen sabe interpretalas e permiten identificar a quen pertence. 

Nomear, clasificar e marcar son tamén maneiras de ordenar o mundo, de establecer relacións e de facer propio aquilo que se move.

A relación entre as bestas e os besteiros

Na segunda parte, o libro entra de cheo na relación entre as bestas e os besteiros. Acompaña as súas prácticas no monte, os labores de procura e recollida dos animais, os curros, as feiras, as rapas e os procesos de amansamento. A proximidade entre persoas e cabalos revela un coñecemento construído ao longo do tempo, feito de observación, habilidade e experiencia, pero tamén deixa ver a tensión entre o coidado e o control, entre o vínculo e a imposición. 

A elección dun papel máis satinado, a redución das marxes e o fondo negro intensifican a presenza das fotografías e a tensión visual. Ao mesmo tempo, a idea de marca amplíase máis aló do corpo animal: os peches e as pistas que atravesan a montaña, xunto coa instalación dos parques eólicos, amosan outras formas de intervención sobre o territorio. A acción humana deixa de intervir só sobre as bestas e pasa a inscribirse nunha escala moito maior, ligada tamén ao poder económico e á explotación dos recursos.

Esta transformación faise especialmente visible na comparación entre as fotografías aéreas históricas e as imaxes actuais do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA). 

Os voos de mediados do século XX, entre eles o Voo Americano de 1956-1957, e as imaxes de 2023 permiten observar a evolución da paisaxe e a expansión das pistas que dan acceso aos aeroxeradores. Onde antes se percibía unha maior continuidade do territorio, aparecen agora liñas, cortes e infraestruturas que o atravesan. A turbeira, un medio de grande importancia ecolóxica, queda incorporada a unha paisaxe profundamente transformada. 

As ilustracións integran eses trazados na linguaxe gráfica do libro e convértenos noutra forma de escritura do monte. A marca volve aparecer, pero xa non sobre a pel dunha besta: esténdese pola superficie da montaña.

O libro non establece unha equivalencia simple entre a marca dun besteiro e a intervención dunha gran infraestrutura industrial. As escalas, os intereses e as consecuencias son diferentes. A súa relación serve, máis ben, para formular unha pregunta común: que ocorre cando un mundo vivo se converte en algo que podemos identificar, delimitar, administrar ou explotar? 

Os propios besteiros dependen dese territorio para manter a súa forma de vida, ao tempo que as transformacións económicas que o atravesan alteran o medio no que esta se desenvolve. A tensión xorde precisamente desa convivencia entre formas distintas de habitar e apropiarse da montaña.

Un espazo para os besteiros

A terceira parte introduce un cambio de perspectiva. A tensión visual dá paso a unha composición máis repousada e os besteiros aparecen retratados cos seus cabalos nos lugares e nas posicións desde os que eles mesmos desexan mostrarse. Despois de acompañalos nas súas prácticas e observar as relacións que establecen coas bestas, o libro ábrelles un espazo para decidir como presentarse ante a cámara. 

En moitos casos, os cabalos e bestas que montan foron collidos do monte e amansados. Son animais cos que regresan á montaña para buscar e atender outras bestas. O proceso adquire así unha forma circular: unha besta que vivía en liberdade pasa a ser montada e pode converterse, á súa vez, no medio para achegarse a outras. 

Os retratos non clausuran as contradicións anteriores, pero permiten observar a relación desde outro lugar, a través da experiencia, o traballo, a memoria e a maneira en que cada persoa escolle representarse

Ei! Cabalo!

O percorrido conclúe con Ei! Cabalo!, o texto de Nieves Neira que incorpora ao libro as voces dos habitantes das serras do norte lugués. 

A través de conversas cos besteiros, de nomes, lembranzas e expresións propias do territorio, Neira constrúe un relato no que a dimensión documental se mestura coa literatura e coa tradición cultural galega. As palabras de quen habita este mundo non funcionan como unha explicación exterior das fotografías, senón como outra maneira de achegarse a el, desde os seus coñecementos, a súa memoria e a súa linguaxe.

O título do libro recolle a contradición que percorre toda a obra. As bestas, criaturas do vento, encarnan unha forma de vida libre e difícil de reter. A acción de ferrar contén aquí unha dobre dimensión: por unha banda, remite á marca de ferro que se fixa sobre o corpo do animal; pola outra, ao acto de poñerlles ferraduras, nun proceso de amansamento que as transforma en animais domésticos. Pero o ferro tamén atravesa o territorio: nos parques eólicos, nas pistas, nos peches e nas infraestruturas que buscan capturar e aproveitar a forza do vento, transformando e ocupando o territorio. Ferra-lo vento leva todos estes xestos ata o imposible: como ferrar aquilo que non se pode reter? O intento de marcar, transformar e dominar unha forza natural convive coa imposibilidade de facela completamente propia.

Ficha técnica
  • Título: Ferra-lo vento
  • Dimensións: 24 x 32 cm
  • Número de páxinas: 184
  • Fotografías: Adra Pallón
  • Concepto e edición: Belén Cordero e Adra Pallón
  • Deseño: Belén Cordero e Al Carballido (Novagarda)
  • Texto: Nieves Neira