Xornada «Arte e deseño en Lugo» 2026

A terceira edición da Xornada USC-EASDRF desenvólvese o mércores, 4 de novembro, no marco do convenio de colaboración entre a Facultade de Humanidades da USC e a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón.
O evento, cuxa inscrición pode formalizarse a través dun formulario en liña, artéllase baixo o lema ‘Arte e Deseño en Lugo’.
A intención da xornada é amosar o traballo que se está a realizar nas dúas institucións arredor da xestión cultural e das disciplinas artísticas e servir de plataforma para difundir e poñer en valor o traballo do estudantado de ambas as institucións.
A actividade presenta unha programación moi variada, co gallo de dar a coñecer as titulacións de cada centro, “polo que abarca cuestións relacionadas coas profesións do sector cultural como a xestión, o deseño, a comunicación e a accesibilidade na produción de actividades artísticas”, explican as coordinadoras – as profesoras Miriam E. Cortés e Patricia Cupeiro (USC), e Ángela Morales (EASDRF) –
A sesión da mañá, que terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Humanidades dende as 10.00 horas, contará coas conferencias de Encarna Lago, recente Medalla de Ouro ao mérito nas Belas Artes, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo e profesora do Mestrado en Servizos Culturais da Facultade de Humanidades e de Germán Limeres, egresado da EASDRF e fundador do colectivo fotográfico Ruando, que presentará o RuandoPhotoFest Lugo 26, un festival de fotografía de rúa e documental que se celebrará na cidade durante os meses de novembro e decembro.
A xornada continuará co relatorio da egresada da Facultade de Humanidades, Laura Villaverde, actriz, produtora e xestora cultural e a presentación do Proxecto Integrado do Ciclo Superior de Gravado e Técnicas da Estampación ‘Leitos. O obxecto como metáfora’ de María José Santiso, e o TFM do Mestrado en Servizos Culturais da Facultade de Humanidades 22 anos da asociación teatral Pinchacarneiros, xestores dunha loita pola cohesión sociocultural das persoas con discapacidade’ de Sthephanie Cubides.
Durante a sesión de tarde as conferencias trasládanse ao Salón de Actos da EASDRF, onde terá lugar a presentación do TFG do Grao en Xestión Cultural ‘As meigas na construcción da identidade cultural galega’, de Lydia López e o Proxecto Integrado do Ciclo Superior en Cerámica Artística “Trama: un traxe colaborativo de tradición contemporánea tecido entre oficios”, de Lucía de la Campa.
A xornada rematará co relatorio da profesora Isabel Somoza (EASDRF), recente Premio Tenerife ao Fomento e Investigación en Artesanía, titulada “O gravado. Unha peza poliédrica clave nas ensinanzas artísticas” e unha visita á exposición do concurso PhotoRuando 2026.

