Mesa de debate «O tránsito á democracia»

A Deputación de Lugo e a Fundación Luis Tilve organizan este xoves, 5 de novembro, a mesa de debate O tránsito á democracia, un encontro que analizará o proceso de transformación política e social que permitiu deixar atrás a ditadura franquista e avanzar cara á recuperación das liberdades. A actividade terá lugar ás 19:30 horas no salón de actos da Deputación.
Na mesa participarán Francisco J. Leira Castiñeira, Emilio Grandío Seoane e Daniela Fernández Pérez.
O debate permitirá afondar nun período decisivo da historia recente, atendendo ás circunstancias políticas e sociais da Transición, aos seus protagonistas e aos procesos que fixeron posible a construción da democracia. A través das achegas dos tres investigadores, o encontro ofrecerá unha oportunidade para analizar esta etapa desde diferentes perspectivas e reflexionar sobre a súa pegada na sociedade actual.
Francisco J. Leira Castiñeira é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e investigador Ramón y Cajal no Departamento de Humanidades da Universidade Carlos III de Madrid. A súa investigación céntrase na Guerra Civil, o franquismo, a violencia e a memoria. Entre as súas publicacións destacan Soldados de Franco. Reclutamiento forzoso, experiencia de guerra y desmovilización militar, Los Nadies de la Guerra de España e Retrato de la Transición. La memoria que escondimos en el desván.
Emilio Grandío Seoane é catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela e director da Cátedra de Memoria Democrática da USC. As súas principais liñas de investigación abranguen a historia política e social desde a Segunda República ata a Transición democrática, a ditadura franquista e os servizos de información. Ao longo da súa traxectoria dirixiu e coordinou diversos proxectos de investigación nacionais e internacionais vinculados á memoria democrática.
Daniela Ferrández Pérez é doutora en Historia pola Universidade de Alacante e investigadora posdoutoral no grupo Histagra da USC. Os seus traballos céntranse na violencia política durante o franquismo, o clientelismo político e o papel do feminismo e dos partidos políticos na Transición. Tamén participou en proxectos de investigación sobre a historia e a memoria do colectivo LGBT en Galicia.

