Con motivo do aniversario da Iª Asemblea Nacionalista, que tivo lugar na cidade de Lugo os días 17 e 18 de 1918, Cultura do País programa un ano máis actividades en conmemoración desta efeméride. Nesta ocasión, por tratarse do cen aniversario amplían a programación e redobran esforzos, xuntándoos tamén a outros colectivos que teñen preparados actos para as datas referidas.
Un ano máis «Cultura do País» conmemora o Centenario do Manifesto de Lugo con múltiples actos, A meirande parte terán lugar no Hotel Méndez Núñez. Como en anos anteriores, o sábado 17 de novembro a partir das 21:30 celebrarase a Festa Dandi, que nesta ocasión contará con varias actuacións: Duende Circo, Microefectos Dramatúrxicos, As Ramilettes e Marqués de Vilapodre DJ set. As entradas, que se poderán retirar no Lar da Cultura do País ou na Fouce de forma anticipada ou o propio día no Hotel, teñen un custo de 5 euros. Como en anteriores edicións, outorgaranse os Premios Dandi ás mellores caracterizacións coa estética dos anos vinte entre as persoas asistentes.
A plataforma Vía Galega, entidade social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza da que fai parte a nosa Asociación, ten programados unha serie de eventos o domingo 18 de novembro na nosa cidade con motivo do Centenario. A partir das 10:45 terá lugar no IES Lucus Augusti a Asemblea da plataforma, na que se aprobará a Carta de Dereitos do Pobo Galego.
Ás 13:00 diante do Hotel Méndez Núñez está prevista a celebración da ofrenda floral unitaria promovida, xa desde hai varios anos, xunto con outros colectivos da cidade, enmarcada na Convocatoria Faraldo. Seguidamente, ás 13:30 farase un roteiro polo adarve da Muralla promovido por Vía Galega, no que se dará lectura a varios textos das Irmandades da Fala.
Ás 14:30 organizan no Lar da Cultura do País un xantar de Irmandade, no que farán un convivio entre a súa masa social. Pola tarde, ás 17:00 de novo na Sala Almirante do Hotel Méndez Núñez representarase a función ‘A lus da estrela que brila ó lexos‘, espectáculo de danza, poesía, teatro e música preparado por socios/as e simpatizantes da nosa Asociación en homenaxe aos asinantes do Manifesto de Lugo. A entrada é gratuíta. O título da función é recollido dun verso do poema ‘No Escuro’ (Vento Mareiro, 1915) de Ramón Cabanillas.