MAR 2018  O cuarteto de saxofóns Kebyart Ensemble, unha formación nada en 2014 na Escola Superior de Música de Cataluña, ofrecerá un concerto este luns 12 de marzo, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, no marco do ciclo Músicas a carón da Mosqueira, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo.

kebyart

Kebyart Ensemble , un cuarteto formado por Pere Méndez (saxo soprano), Víctor Serra (saxo alto), Robert Seara (saxo tenor) e Daniel Miguel (saxo barítono), músicos  en plenísima forma interpretativa capaces de traspasar á perfección técnica para chegar á comunicación musical, ofrecerá en Lugo unha tetrafonía variada que permitirá ao público asistente viaxar a través da música desde o século XII ata o século XX.

O concerto arrancará, a xeito de introdución coa polifonía da Escola de Notre Dame, convertida nos séculos XII e XIII no foco dunha escola de música que, coas súas innovacións, marcou a historia musical europea posterior. O principal cambio foi que empezaron a escribir máis dunha voz á vez, dando paso ó nacemento da polifonía, é dicir, á interacción simultánea entre dúas ou máis liñas melódicas diferentes. Este feito, aparentemente simple, guiou a evolución musical occidental ata os nosos días. 

Obras como Estris de Ilum, do reusenco Joan Magrané, e Veu sur les jardins interditsk, de Henri Pousseur, son debedores deste pensamento polifónico en maiúscula. O Cuarteto para saxofóns, do ruso Aleksandr Glazunov, é unha das obras icónicas do repertorio orixinal para cuarteto de saxofóns que, inspirada na escritura de cuarteto de corda, ofrécenos unha música belísima con reminiscencias da polifonía tradicional rusa.

Para cerrar o programa, Kebyart Ensemble interpretará unha suite elaborada con motivo do centenario da morte do célebre compositor Claude Debussy. Esta é unha recompilación dalgúns dos movementos de tres das suites máis importantes que o compositor escribiu para piano. O propio Kebyart fixo a transcrición ás catro voces.

Traxectoria da formación

Son os actuais gañadores do ciclo El Primer Palau que lles ofrece aos novos intérpretes a oportunidade de debutar na Sala de Concertos do Palau de la Música Catalana. No 2016 tamén foron premiados co prestixioso Premi de Música Cambra Montserrat Alavedra – Premio BBVA de música. No ano 2015 obtiveron o segundo premio da 84ª edición do Concurso Permanente de Juventudes Musicales de España e anteriormente recibiron o primeiro premio no X Concurso Internacional de Música de Cámara Higini Anglès. 

Kebyart Ensemble ofreceu concertos por toda a península e realizou unha xira por Rusia. Nesta temporada 2017-2018 teñen previstos concertos por todo o estado e polo estranxeiro. Están programados na próxima temporada do Palau de la Música Catalana, Auditori de Barcelona ou da Fundación Juan March. Tamén gravaron o seu primeiro traballo discográfico con Columna Música. 

KEBYART ENSEMBLE