Presentación da oferta de cursos de fotografía, cine, danza e teatro na USC de Lugo
Outubro 2019 Os cursos e seminarios de fotografía, cine, danza e teatro, promovidos no Campus de Lugo, pola Universidade de Santiago de Compostela botan a andar este mes de outubro.
O prazo de inscrición permanece aberto na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. As persoas interesadas tamén poden obter máis información respecto dos contidos horarios, taxas, profesorado, lugar de celebración e prazos de matrícula de cada curso na web do Espazo de Cultura da USC
O estudantado da USC que formalice a súa inscrición en calquera dos programas promovidos pola Área de Cultura da USC no Campus de Lugo poderá solicitar recoñecemento de créditos ECTS en función da duración da actividade
CINE
«Curso de videocreación»: dirixido a aquelas persoas que queiran achegarse ao mundo da videoarte dende diferentes disciplinas e linguaxes. As sesións lectivas deste programa, que será impartido por Sabela Eiriz e que está estruturado en 50 horas de formación, desenvolveranse na Casa do Saber de Lugo en quenda de mañá os sábados 19 de outubro, 16 novembro, 21 de decembro de 2019, así como os días 18 xaneiro, 15 febreiro e 28 marzo de 2020. O número de prazas está limitado a un máximo de 16.
«Curso de rodaxe e montaxe»: O guionista e director de cine Andrés Goteira, quen saltou á palestra do éxito con ‘Dhogs’, comezará o 25 de outubro a impartir un curso de rodaxe e montaxe dun proxecto, unha acción formativa a través da que o alumnado fará unha inmersión completa no eido do audiovisual. As sesións lectivas deste módulo desenvolveranse na Casa do Saber os días 25 e 27 de outubro, 1, 2, 3, 23 e 24 de novembro.
FOTOGRAFÍA
‘Aprende fotografía desde cero polas rúas de Lugo’.
Os fotógrafos deste medio, do diario cultural VivaLugo, Marcos Loopez e Adra Pallón impartirán a partir do venres 18 de outubro unha nova edición do curso básico de fotografía . As clases celebraranse en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, os venres comprendidos entre o 18 de outubro e o 29 de novembro (agás o primeiro de novembro), na Casa do Saber
DANZA
O programa de formación do Espazo de Danza da USC para o campus de Lugo para o curso 2019-20 inclúe diversos cursos e actividades de formación en danza contemporánea, danza creativa, danza oriental, ioga dinámico e bailes latinos, que se desenvolverán na Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo.
TEATRO
Sergio Zearreta impartirá, a partir do 28 de outubro, un curso de arte dramática, que é requisito previo para formar parte da Compañía de Teatro USC-Lugo, ademais dun taller de dramaturxia actoral e interpretación teatral, unha actividade orientada a alumnado do IV Ciclo Universitario.
Asemade, alén destas iniciativas de formación, a oferta da Área de Cultura da USC contempla outros fitos non menos importantes como o son o Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, Encontro de Danza ou o Festival de Teatro Universitario, que se desenvolverán na primavera de 2020.