Novembro 2019 Presentamos hoxe dúas iniciativas culturais con sabor lucense que estanse a cociñar vía o crowdfunding: «OS TROTASONGS, gardacostas de cancións» e «Madialeva, un relato gráfico do noso rural»
«OS TROTASONGS, gardacostas de cancións»
Iria Estévez e Gonzo Piña forman a COMPAÑÍA CONTICÁNTICOS que conta co espectáculo TROTASONGS no que mostran o labor dos recolledores/as de música tradicional e popular, dando a coñecer a importancia desta labor. Agora queren pasar dos escenarios ao papel co libro-cd en galego: «OS TROTASONGS, gardacostas de cancións»
A historia desenvólvese dende unha perspectiva defensora da igualdade de xénero, o respecto á diversidade, o valor da cultura popular propia e allea e o goce de escoita activa para favorecer a atención e memorización mostrando aos máis pequenos, outras vías de entretemento fóra dos dispositivos audiovisuais dixitais.
Este proxecto ademais incluirá a historia en formato audio, para favorecer a accesibilidade a nenos con dificultades para a lectoescritura, supoñendo unha ferramenta para facilitar a inclusión destes nenos e nenas.
As ilustracións son do «noso» crack Iván Mouronte
Madialeva, un relato gráfico do noso rural
Ana Moreiras propón neste crowdfunding editar unha obra de relatos gráficos sobre o rural galego. Ilustrada por ela mesma, trátase dunha ficción baseada en historias que escoitou na aldea da súa nai (Terra Cha, lugar de Miraz) e terán ás nosas nais, avoas e bisavoas de protagonistas: esas mulleres bravas que tan a miúdo sostiveron ás súas familias nun século ben difícil.