O guionista da serie «Hierro» Premio Feroz á Mellor Serie Dramática e Premio Ondas 2019 a Mellor Serie de Televisión, PEPE COIRA, impartirá un curso sobre o traballo de escritura de guión na Facultade de Formación do Profesorado en quenda de tarde, de 17.00 a 21.00 horas, os venres comprendidos entre o 7 de febreiro e o 3 de abril.
O período de matrícula xa está aberto e a inscrición é nas oficinas da Área de Cultura, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.
Curso programado pola Área de Cultura da USC no Campus de Lugo ao abeiro do seu Espazo de Cine.
O CURSO
Descrición:
O curso atende a tres cuestións básicas: para que serve un guión? De que está feito? Como é o traballo do guionista? A busca de respostas para estas preguntas corre en paralelo ao segundo grande aspecto do curso: unha introdución á práctica da escritura, desde a definición inicial dun proxecto ata a redacción do guión dunha curta.
Metodoloxía:
O módulo combina aspectos teóricos e prácticos, se ben en todo caso o achegamento procura ir moi pegado á realidade da escritura do guión, á experiencia de ser guionista. Traballaremos desde dous tipos de exemplos: os xerados polos propios alumnos conforme aos seus intereses e sensibilidades, e os traballos de encargo que formule o relator.
Obxectivos:
Familiarizar os alumnos coas particularidades da escrita do guión, un texto que é, sobre todo, unha ferramenta para a elaboración dun proxecto audiovisual.
Contidos:
A.1 Para que serve un guión (dito doutro xeito: quen le un guión e por que?)
- O cine sen guión / con pouco guión / con guión de ferro
- A primeira vida dunha película (das catro que pode chegar a ter)
- Unha ferramenta de traballo para un equipo
- Unha ferramenta de venda
A.2 De que está feito un guión
Elementos clásicos do guión
A estrutura
Personaxes / Escenarios / Accións / Diálogos / Punto de vista
Fases da escritura
Idea / Sinopse / Tratamento / Guión
Os outros guións
Formatos / Biblias / Escaletas
Documentación
A.3 O traballo do guionista
Cando escribe o guionista
Antes de nada / Antes da produción / Durante a produción / Na montaxe
Métodos de traballo
Individual / En grupo
Software
Contratos
Orixinal / Encargo
Aspectos básicos do contrato
Como mover un guión
Autoría
Dereitos
Control editorial
B. A práctica da escritura
Neste apartado trátase de afrontar o traballo da escritura, desde a formulación dunha idea xeral ata a redacción de secuencias completas. Na práctica contemplaremos algunhas das principais variables que se dan na escritura audiovisual: o traballo individual ou en grupo, e a escritura por encargo ou orixinal.
Número de horas. 25, distribuídas en oito sesións
Dirixido a persoas que pensan na posibilidade de traballar na escritura de proxectos audiovisuais e, secundariamente, a persoas con curiosidade polo relato audiovisual.
Prazas. 20. Terá prioridade quen acredite —mediante documentación ou memoria— algunha experiencia previa de guión ou similar (literatura, teatro, cómic…), incluídos traballos non profesionais.
Lugar. Facultade de Formación de Profesorado. Aula 21
Datas. Todos os venres dende o 7 de febreiro ao 3 de abril
Horario. 18 a 21 h (derradeira sesión: 17 a 21 h) 32 horas
Prezos. Comunidade universitaria, 50. Taxa xeral, 100.