Febreiro de 2020 quedará fixado na memoria de tódolos amantes da fotografía por ser o mes cando veo á luz o libro dun dos nosos referentes: «CARLOS VALCÁRCEL – Fotografía etnográfica 1960-1980». Editado por Editorial Canela, con textos de Eduardo Ochoa e Román Montesinos, nas súas 246 páxinas podense desfrutar de 197+1 fotografías en B/N do xenial fotógrafo de Lugo.
A presentación do libro terá lugar o vindeiro xoves 27 de febreiro ás 19:30 na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo.
Entre finais dos anos cincuenta e comezos dos oitenta do século XX, Carlos Valcárcel viaxou en numerosas ocasións polos arredores de Lugo, e outras partes de Galicia, para tomar fotografías. Dúas décadas que, para moitos estudosos da súa obra, representan a época dourada de Carlos como fotógrafo. De entre o seu enorme arquivo de negativos en branco e negro publicamos agora 197 imaxes nas que o lector atento poderá contemplar o inexorable paso do tempo que xa neses anos comezaba a esvaecer os nidios trazos da cultura tradicional galega.
Na escolma fotográfica hai escenas dos traballos no campo e no mar, dos oficios e a industria artesanal, das feiras, festas e celebracións relixiosas, do comercio, da música, de persoas que se deixan retratar en diferentes situacións e de escenas “roubadas”… dos artesáns que traballaban nos desaparecidos cubertos pegados á muralla de Lugo, das redeiras nos portos de Malpica e Aguiño, do afiador de Ourense nun pobo da costa coruñesa, do fotógrafo ambulante retratando dúas nenas nunha rúa de Pontevedra, dos traballadores de obras públicas, de nenos e nenas que hoxe serán pais e nais (ou avós e avoas), de anciáns, de cabalarías, bois, vacas e apeiros que xa non traballan o campo, de sementeiras e colleitas dos alimentos estacionais, de pastores e pastoras, daqueles xitanos xa asentados e dos nómades que percorrían Galicia e outras terras, do trato nas feiras, da pesca no río e no mar, de instalacións de carpintería de ribeira hoxe desaparecidos, do obrigado polbo na feira, do xogo da baralla na taberna, das taberneiras, da conversa na barbería ou en situacións ben diferentes, do paso do tempo reflectida nas mans e o corpo das xentes…, e dunha certa alegría, dignidade e reflexión que transmiten os rostros das persoas que viviron aquela sociedade galega do século pasado.
A introdución, que inclúe un completo estudo humano e como fotógrafo de Carlos Valcárcel, está escrita por dous amigos, compañeiros de afección e profundos coñecedores da súa obra e da súa técnica: os fotógrafos Román Montesinos e Eduardo Ochoa.
Carlos Valcárcel
CARLOS VALCÁRCEL GAY (Lugo, 1929) é un recoñecido fotógrafo lucense que realizou milleiros de fotografías analóxicas en branco e negro de gran interese etnográfico e patrimonial, fundamentalmente na segunda metade do século XX. Parte delas foron publicadas en portadas de importantes revistas, e na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo pódese contemplar a exposición permanente: “Carlos Valcárcel, fotografías 1962-2002”, da que se editou en 2003 o catálogo Carlos Valcárcel. Fotografías (1969-2001). Dende hai varios anos dá nome ao premio principal do Maratón Fotográfico do Campus Universitario de Lugo, que se celebra coincidindo co inicio do curso escolar.
En outubro de 2017 foi recoñecido co título de Fotógrafo Histórico pola Deputación da Coruña e, en 2019, o Grupo Fotocinematográfico de Lugo entregoulle o trofeo Fonmiñá pola súa dilatada traxectoria fotográfica.