Actividades didácticas online sobre o LIFE Lugo + Biodinámico: xogos de busca, encrucillados e probas de creatividade para os máis cativos 
Cartel das Actividades didácticas online sobre o LIFE Lugo + Biodinámico

Agora a rapazada da casa pode coñecer máis do  LIFE Lugo + Biodinámico a través das unidades didácticas sobre as diferentes accións e iniciativas do proxecto . dispoñibles na web www.lugobiodinamico.eu

As unidades didácticas divídense en catro entregas, descargables de balde dende a web e redes sociais do proxecto.

A primeira unidade está formada por unha sopa de letras sobre as diferentes variantes galegas da castaña que se poden atopar no Souto das Gándaras e un encrucillado no que hai que atopar diferentes conceptos que definen o proxecto e as súas accións, coma poden ser o Barrio Multiecolóxico, o primeiro da súa clase en España, que servirá como modelo de construción sostible e resiliente ao cambio climático tanto para a nosa cidade coma para outras cidades medias de Europa, ou o edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público levantado en madeira de Galicia.

A segunda unidade consiste nun xogo de debuxo no que, conectando os puntos, atopamos diferentes follas de especies do Arboretum.

A terceira unidade didáctica ten como obxectivo que os nenos e nenas aprendan os principios básicos da construción ecosostible coa que se vai desenvolver o edificio Impulso Verde e que servirá base tanto para a edificación do Barrio Multiecolóxico da Garaballa, planificado para 1.200 vivendas, que garantirá a inclusión e a equidade social e interxeracional, promovendo a saúde e o benestar mediante o desenvolvemento dunha aldea urbana, coma para as novas vivendas que se constrúan no futuro na nosa cidade.

A cuarta e última unidade consiste nun xogo de busca no que hai que completar diferentes actividades a través da información das mesas de interpretación instaladas no Arboretum, que se poden atopar na páxina de Recursos da web (www.lugobiodinamico.eu/recursos).