Carlos Coira da Librería Trama envíanos 5 recomendacións para o Día das Letras Galegas deste domingo 17 de maio de 2020. Achégate á librería en horario de 10 a 14 e de 16.30 a 20:00 (preferente para maiores de 10 a 12 e de 19 a 20) de luns a venres e os sábados de 10:30 a 14:00 ou visita a súa tenda on line

AS ESTACIÓNS DO LOBO – REIMÓNDEZ, MARÍA

Editorial: EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA, S.A.

Sinopsis

É inverno, a neve cae sobre Múnic e Clara atópase perdida. Sen comprender moi ben como, errou o camiño que a levaba a converterse nunha brillante adestradora canina no seu Lugo natal e rematou alá, nun banco conxelado do Englischer Garten. Todo por aquilo que a xente denominaba «amor». Mais, que era o amor a fin de contas? Era aquilo que estaba vivindo ou a posibilidade de algo diferente?

Desde a domesticación ata a liberación salvaxe, Clara tentará, facendo o camiño inverso do can ao lobo, reconstruírse para reconstruír o mundo que a rodea. Un proceso no que non avanzará soa: Gaia, MK, Aurora, Saínza e unha morea de cans marcarán un camiño no que amar non consista nos soños que nos venden e se centre en desatar o salvaxe; en atopar a manda.
Esta nova entrega do Ciclo dos elementos explora os límites do amor, do arraigamento e da nosa capacidade para crear mandas que nos protexan no día a día dos afectos.

COMPRAR

URALITA –  LADO, MARÍA / IRIA PINHEIRO

Editorial: CUARTO DE INVERNO

Sinopsis

A actriz Iria Pinheiro e mais a poeta María Lado, nun proceso de escrita vivo, impúdico e singular déixanse levar polo ímpeto da transmisión oral para que as verbas se transformen nun xeito rabudo de atopar o lugar de pertenza, nun retrato dunha Galiza periurbana que habitan ambas as dúas para agasallarnos con este ser salvaxe que lles naceu e que non quixeron domesticar.

COMPRAR

PORQUE TE QUERO – RAMOS , BALDO

EDITORIAL GALAXIA, S.A.

Libro de poemas orientado sobre todo a público infantil e xuvenil

“Lese practicamente igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda. Estes poemas son reversibles.”

COMPRAR

SERVIR ERA O PAN DO DEMO. HISTORIA DA VIDA COTIÁ EN GALICIA. (SÉCULOS XIX E XX) – CASTRO PEREZ, XAVIER

EDITORIAL GALAXIA, S.A.

Sinopsis

Un traballo de investigación histórica escrito nunha linguaxe achegada ao gran público e afastada dos enfoques académicos.

O autor manexa fontes de todo tipo (literarias, etnográficas) para construír un ameno relato que recrea a vida cotiá na Galicia dos séculos XIX e XX. Este volume vén encher un baleiro existente na historiografía contemporánea ao se achegar ás galegas e galegos normais para saber como comían, bebían, cantaban, namoraban en definitiva, como era a vida segundo a clase social á que pertencecen, pois non era igual para os fidalgos que para os labregos, para os burgueses que para as serventes. Nada é alleo á pescuda e ao estudo do autor, e así, a familia, a vivenda, a roupa, a hixiene, os labores e atafegos económicos

Unha entretida viaxe no tempo cara ao cerne do que somos nós mesmos.

COMPRAR

O LIBRO DA FILLA – LOPEZ SILVA, INMA

EDITORIAL GALAXIA, S.A.

Sinopsis

Un gran thiller político, intimista, sentimental e social.

Helena Sánchez é unha prestixiosa xornalista que acepta investigar o caso de Fernando, un condenado por agresión sexual á súa filla que sostén ser vítima dun complot argallado pola súa ex-muller e que desexa lavar a súa imaxe a través desa reportaxe. No proceso, sairán á luz historias ocultas que quizais é mellor non saber, movendo, a través da pescuda, a unha reflexión sobre a ética da verdade fronte á mentira e sobre a propia felicidade na vida de Helena. A investigación xornalística é, en realidade, o punto de partida para afondar nas vidas e relacións de dúas familias marcadas non só polas particulares trastendas do amor, senón tamén pola irrupción do totalitarismo e a extrema dereita do mesmo xeito calado e sutil en que se introduce na sociedade e na política do noso tempo. O libro da filla é un relato profundo e inquietante en que a autora parte dun caso real de abuso no ámbito familiar para obrigarnos a ollar de fronte o mello e o peor de nós como persoas e como sociedade. Unha novela que afonda no máis meserábel da condición humana a través dunha voz directa e desgarrada que se inmisce de modo íntimo nuns personaxes cos que é imposíbel non identificarse.

COMPRAR