A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, fixo balance semana cultural do San Froilán. A responsable de Área de Cultura indicou que “damos por cumprido o obxectivo de colaborar na reactivación do sector cultural e e demostrar que a cultura é un ben de primeira necesidade no que non se descoida a seguridade”.
Maite Ferreiro aproveitou para facer un agradecemento especial a todas as persoas, empresas e colectivos que dun xeito ou outro participaron na organización desta semana cultural, facendo especial mención aos diferentes departamentos e persoal do concello que “durante todo o tempo traballaron de xeito continuado para que esta semana cultural se pudese levar adiante e se garantiran todas as medidas de seguridade, como foi o caso do persoal de cultura, policía local, bombeiros ou o servizo de limpeza”.
“Lugo é xa o exemplo de como facer unha aposta seria pola cultura”, afirmou Maite Ferreiro, que destacou a participación de colectivos e asociacións que encadraron as súas actividades no programa da semana cultural, xunto coa participación dos máis pequenos nas múltiples actividades do San Froilán Miúdo.
A edil de Cultura afirmou que “a veciñanza de Lugo foi tamén un exemplo de responsabilidade durante estes días”. Segundo Maite Ferreiro, “as veciñas e veciños de Lugo continuaron a mostrar prudencia e responsabilidade ante a crise sanitaria da mesma maneira que nos últimos meses”. “Sen esta gran colaboración da veciñanza, a semana cultural do San Froilán non sería posíbel este ano”, sentenciou Maite Ferreiro.