Novo programa de roteiros de ADEGA Lugo

Este curso 20/21 ADEGA– Lugo quere por en destaque as nosas áugas interiores. Seu servizo, que nos dá vida para innúmeros seres vivos, alimento para a terra e lecer para a nosa vista. A regalía dos rios é un valor que temos de cuidar, mas que está a ser mui mal tratado. Os rios receben todos os dexetos das cidades , das granxas e das fábricas por termos un mal sistema de depuración e por desleixo de habitantes e de gobernantes. Mas os rios son as arterias da
terra e a nosa fonte principal de áugas potábeis e, aínda poden ser vías de comunicación importantes.

A saúde dos rios condiciona a saúde da terra e do mar. As más prácticas ambientais degradan as áugas e matan a vida fluvial. Encoros, recheos, urbanismo, construción de estradas e viadutos barcos a motor, vertidos, especies invasoras etc, todo conduce para o deterioración dos ecosistemas fluviais. Poren os
rios poden ser unha fonte de saúde, de vida e de riqueza se foren ben cuidados.

Na Galiza os dous rios maiores son o Minho e o Sil, que conforman un sistema fluvial que baña gran parte da a nosa xeografía. O Sil nace no Bierzo, que xa foi provincia da Galiza até 1883, e o Minho ten todo seu percorrido no noso país. Hai dubidas acerca de quen é o rio principal e cal o tributario, até o ponto de que a sabedoría popular diz: O Sil leva a áuga e o Minho a fama. Segundo estudos de xeoloxía histórica o Minho foi o último dos rios galegos a ser formado. Debe a súa orixe ao levantamento da “corda” tectónica que forma as serras da chamada Dorsal Galega, entre as que a Serra da Serpe é unha das que condicionaran o curso do Minho como é hoxe. A emersión deste bloque interceptou o camiño do rio primitivo que deitaría súas áugas no Atlántico como os outros rios galegos, (Tambre, Umia, Eume, Ulha..) obrigándolle a se virar para o sur até capturar as áugas do Sil nos Peares. Segundo isto o Minho é o grande ladrón das áugas. Sexa como for, os dous rios forman un par que case podería ser casal unindo as terras do Bierzo das montañas de León, con as serras do
interior da Galiza, na Serra de Meira. Galiza é o país dos mil rios dicía Cunqueiro. Todas as poetas cantan aos rios, as fontes e aos regatos pequenos como fixo Rosalía.

Galiza é áuga e mar, terra e toxos, xestas e xistos, vento e sol. Mas iso depende totalmente dos nosos rios. As veas do noso territorio. Con ADEGA Lugo iremos pasear por estes dous rios e as súas bacías durante os nove meses do curso 20/21.

Desde o nacemento do Minho na Serra de Meira e o do Sil nos montes de León, até o encontro das áugas nos Peares, para acompañar a ambos até súa entrega no mar. 

Lembrando a Manuel Maria : Galiza docemente está a ollar o mar, ten vales e montañas ten campos para labrar…


Comezaremos polo nacemento do Minho visitando o Pedregal de Irimia até a Fon Minhá en outubro e acabaremos en Xuño na desembocadura no Atlántico nas Terras Minhotas: Dunha banda Tominho e a Garda, da outra Caminha e Vilanova da Cerveira.

Programa de roteiros de ADEGA Lugo «Augas Vivas. As bacías do Minho e do Sil»

O primeiro roteiro deste curso terá lugar o domingo, 25 de outubro, na procura do nacemento do río Miño na Serra de Meira. Dende o Pedregal de Irimia baixaremos ata o Porto da Pena, e chegaremosata  a Fonte da Barxa ou Fonte Miña. Dende alí, continuaremos ata o Castro de Baltar, onde poderemos
desfrutar dunha gran panorámica da Terra Chá.

Os seguintes roteiros deste curso 2020/21 son:

22 de novembro: Salvemos o Malecón (Monforte de Lemos)
20 de decembro: O Miño en Lugo para todas (Lugo)
24 de xaneiro; A loita por un río (Sarria)
21 de febreiro: As augas mansas (Begonte)
21 de marzo: A mestura das augas (Os Peares)
25 de abril: O berce das augas (O Bierzo)
23 de maio: O Avia viñateiro (Ribadavia/Beade)
20 de xuño: Onde o Miño se entrega ao mar (O Rosal/Tomiño)

Na propia web de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar as reservas.

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva dispoñible na web, antes das 14:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.

Os roteiros serán de xornada completa. Recoméndase ás participantes levar roupa e calzado axeitados e viandas para o camiño. Será preciso cumprir co protocolo para evitar a propagación da COVID tamén dispoñible na web. Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfonos 982 240299 ou escrbindo a adegalugo@adega.gal.