Catas arqueolóxicas no Carme para poñer en valor o patrimonio histórico e cultural da zona

O Concello de Lugo promoverá dúas catas arqueolóxicas no barrio do Carme co obxectivo de poñer en valor o patrimonio histórico e cultural desta zona, situada á saída do recinto amurallado pola Porta Miñá. Así o avanzou a alcaldesa, Lara Méndez,  quen subliñou que “as actuacións previstas levaranse a cabo en dúas parcelas situadas fronte á igrexa do Carme e á Sala de Exposicións Porta Miñá, á beira da rúa do Carme e do Camiño Primitivo de Santiago”. Os traballos, que comezaron este luns, terán unha duración aproximada de catro meses.

Este proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo. “A súa finalidade é seguir afondado no coñecemento arqueolóxico desta zona, moi vencellada con dous dos principais camiños históricos da cidade: a Vía Romana XIX e o Camiño Primitivo, e de gran interese arqueolóxico”, apuntou Lara Méndez.

Catas arqueolóxicas no Carme
Fonte da foto: Gab. Com. Concello

No ano 1994, o control arqueolóxico realizado na parte posterior da Sala de Exposicións, puxo ao descuberto un tramo da cloaca romana que discurre pola Porta Miñá, e para a que o executivo municipal está a traballar nun proxecto de posta en valor. Ao mesmo tempo, unha cata situada a altura do camiño, permitíu descubrir restos de muros relacionados coa cidade romana altoimperial.


No ano 2005, realizouse unha cata arqueolóxica nunha das parcelas próximas á Sala de Exposicións, como parte do proxecto europeo Vías Atlánticas, que deu como resultado o achado da continuación da cloaca romana descuberta con anterioridade, ben conservada baixo o pavimento de cantos dun tramo viario que identificamos co rueiro da cidade romana altoimperial e coincidente asemade coa traza da vía romana XIX que, seguindo o curso do decumanus maximus (unha das principias rúas da urbe romana), inicia na Porta Miñá o seu percorrido cara Bracara Augusta (Braga), en continuo descenso ata a ponte sobre o río Miño, por un traxecto que se mantivo ao longo da historia fosilizado nun vello camiño que recibe na actualidade o nome de Regueiro dos Hortos e Calzada da Ponte.


Xunto á calzada, tamén se documentou unha sepultura realizada con caixa de tégulas, que nos sitúa nun momento de ocupación xa tardío (ss. IV- V d.C.), testemuñando a posible existencia dunha área de necrópole nesta zona, xunto á vía romana.

 


De aí o interese na realización das novas sondaxes, que permitirán ampliar os resultados xa referidos, intentando coñecer mellor a traza da cidade romana altoimperial, investigar na relación da vía romana coa cidade e a muralla, e verificar si nos atopamos nun espazo de necrópole en época tardía, ao mesmo tempo que descubrir calquera outro indicio que permita un mellor coñecemento da cidade romana.