O Goberno Municipal de Lugo dará o nome de Fuxan os Ventos ao Novo Auditorio. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, explicou que “Fuxan os Ventos é un dos grupos musicais galegos máis importantes nas últimas décadas, que no vindeiro ano 2022 cumpriranse 50 anos desde a súa formación no 1972”. “Desde a área de Cultura do Concello de Lugo quixemos lembrar esta data, dándolle tamén ao novo auditorio un especial significado de apoio ás agrupacións culturais galegas e lucenses”, sinalou a edil de Cultura.
Fuxan os Ventos naceu no ano 1972 a partir da unión dun grupo de rapaces e rapazas que cantaban no coro do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O seu primeiro nome, Folk72, foi deixado de lado despois de gañar o primeiro premio no III Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os Ventos.
Entre o ano 1976 e o 2009 lanzaron un total de 10 álbums, Fuxan os ventos (1976), O tequeletequele (1977), Galicia canta ó neno (1978), Sementeira (1978), Quen a soubera cantar (1981), Noutrora (1984), O Mellor (1987), Sempre máis e mellor (1999), Na memoria dos tempos (2002) e Terra de soños (2009).
A agrupación chegou a ter máis de 30 integrantes, estando formada actualmente por Antón Castro á zanfona, mandolina e voz, Xosé Vázquez á percusión e voz, Pedro Lucas na gaita, frautas e voz, Xoán Fuentes Saavedra no violín, guitarra, bouzuki e voz, Moncho Díaz na guitarra, frautas e voz, ademais das voces de Carmen Vázquez, Tareixa Novo, Maruxa Fociños e Alfonso Fernández. Entre os seus antigos membros destacan Xosé Luís Rivas, Mini, e Baldomero Iglesias, Mero.
Fuxan os Ventos tivo durante toda a súa carreira un alto compromiso social, chegando a toda a sociedade galega con mensaxes comprometidas coas distintas problemáticas das galegas e galegos, apostando tamén pola lingua galega .