A película presentouse no Festival de Berlín do ano 2020 e estrease un ano despois debido aos problemas coa Covid-19 tras gañar o premio á mellor película no festival de Xixón e o premio do público no recente festival D’A de Barcelona, ademais de ser elixida pola prestixiosa revista de crítica Caimán – Cuadernos de Cine como a mellor película do ano pasado.
Este próximo venres será a estrea en Codex Cinema dun filme moi especial. First Cow é a nova película da cineasta estadounidense Kelly Reichardt, que ademais supón a primeira vez que esta directora consegue estrear comercialmente un dos seus filmes en España, e Codex Cinema terá a honra de proxectala en Lugo.
Reichardt, a pesar de ser un nome descoñecido para o gran público, leva máis de vinte anos facendo un cinema persoal e intimista á marxe da gran industria do cinema. As súas películas están lonxe do espectáculo superficial que ofrece o cinema do seu país, para centrarse en personaxes e historias reais que suceden sempre nos mesmos lugares: o seu Oregón natal. Esto fixo que a cineasta fose recoñecida como a gran poeta do midwest estadounidense, unha zona de aquel país abandonada e sen espazo nos grandes medios de comunicación, lonxe dos grandes centros económicos e políticos daquel país. Este lugar, sempre filmado de forma primorosa, entre real e mitolóxico, entre a decadencia da civilización e a beleza inextinguible da natureza, sirve de escusa para historias de foraxidos, vagabundos, almas solitarias e outros expulsados do sistema, como se aquel estado abandonado fose recipiente de todas as historias que ninguén máis quere contar.
Reichardt deuse a coñecer en España grazas a Old Joy, un filme onde dous amigos da infancia reúnense de novo anos despois para darse conta de que as súas vidas foron por camiños completamente diferentes. Un casou e leva unha vida convencional; o outro, interpretado polo músico Bonnie Prince Billy, vive na desesperación dun futuro sen expectativas, sen traballo, sen familia, condenado ao ostracismo. Son estes últimos os personaxes que ama Reichardt, como imaxe dun país que deixou atrás os soños de grandeza. En Wendy & Lucy, Michelle Williams (no seu primeiro gran papel protagonista) era unha vagabunda que só tiña a amizade do seu can no seu triste camiño de supervivencia.
En Reichardt é fundamental a presenza impresionista da paisaxe. A beleza dos bosques e dos ríos, as paisaxes outonais de Oregón reflicten esa idea de país en depresión permanente, duns Estados Unidos que oprimen aos seus propios habitantes, como os protagonistas de Night Moves, uns terroristas medioambientais que queren acabar cunha presa para denunciar a violencia do home contra a natureza. Ou a granxa ecolóxica onde remata o seu devagar Kristen Stewart, actriz dunha das historias de Certain Women, onde compartía cartel xunto a Laura Dern e a mesma Michelle Williams, actriz fetiche desta cineasta fundamental.
En First Cow, Reichardt lévanos ao mito do Oeste. A buscadores de ouro e xente de todas as partes do mundo que chega ao Oregón de 1820 na busca do soño americano para darse conta de que alí existen os mesmos prexuízos, as mesmas barreiras económicas e sociais que no vello mundo. E aínda así, hai espazo para amizade, para admirar a grandeza da natureza virxe, dos grandes espazos dun país en construción. Se Reichardt xa fixera un western sobre os primeiros colonos en Meek’s Cutoff para convertelo nunha historia sobre o poder da fe, agora se trata dun viaxe iniciático sobre o valor da amizade e de todas esas vidas anónimas esquecidas que axudaron a construír o país que hoxe coñecemos como os Estados Unidos.
Acompañada coma sempre no guión polo novelista Jon Raymond, Reichardt consegue en First Cow unha das súas mellores películas, un drama íntimo sobre a amizade entre dous homes chegados de mundos diferentes, pero que grazas ao toque maxistral da cineasta se transforma nun filme crítico sobre o pasado e o presente do seu país, sobre as loitas entre os privilexiados e os desfavorecidos.
A película presentouse no Festival de Berlín do ano 2020 e estrease un ano despois debido aos problemas coa Covid-19 tras gañar o premio á mellor película no festival de Xixón e o premio do público no recente festival D’A de Barcelona, ademais de ser elixida pola prestixiosa revista de crítica Caimán – Cuadernos de Cine como a mellor película do ano pasado.