- Coincidindo co 50 aniversario da Planta Circular de Sargadelos, o Executivo Provincial organiza esta mostra que recolle unha completa selección de Seoane que contén óleos, gravados, e amosa tamén a súa faceta editorial e, por suposto, a cerámica


- Seoane está considerado como un dos intelectuais galegos máis destacados do século XX. Un home profundamente comprometido coa cultura e a sociedade galega, que contribuíu a engrandecer esta terra a través do seu labor como artista, escritor, xornalista, editor e promotor dun gran número de iniciativas culturais

luis-seoane-deputacion-viva-lugo

ABRIL 2018 Luis Seoane (Bos Aires, 1910 – A Coruña, 1979) é o gran renovador do deseño galego no século XX, con propostas gráficas de vangarda, xa sexa nos seus libros ou carteis, aportando novas solucións ao deseño cerámico nos anos sesenta ou no especial cromatismo dos seus tapices, onde se mestura o mellor dos seus debuxos e as solucións técnicas que fixeron paradigmática a súa pintura.

Esta exposición, Luis Seoane. Deseño e diferenza, indaga nesa condición de creador total que o converteu nun dos primeiros exemplos ibéricos do que hoxe entendemos como artista contemporáneo, algo que soamente poderemos entender se conseguimos ler o seu legado en claves universais.

luis-seoane-deputacion-viva-lugo

Luis Seoane. Deseño e diferenza é un dobre proxecto expositivo e editorial, que incide sobre todo na súa condición de deseñador, xa sexa no universo da cerámica, do libro ou do tapiz; poden verse 60 pezas de cerámica, 7 tapices, 7 óleos, 20 gravados e xilografías, así como diversa produción editorial e diversas publicacións orixinais deste intelectual. 

Nesta selección de obras advírtese como Luis Seoane evitaba toda estandarización, avogando por aprehender os paradigmas culturais das tradicións dun lugar -no seu caso Galicia-, non tanto coa intención de replicar o logrado senón buscando renovar as formas ancestrais para proxectalas no presente e o futuro da industria, convertendo esas formas en inéditas. Trátase, en definitiva, de recoller as formas que caracterizaron a historia dun pobo e ao facelo, afirmar unha diferenciación cultural que pola contra corre o risco de perderse.

luis-seoane-deputacion-viva-lugo
luis-seoane-deputacion-viva-lugo
luis-seoane-deputacion-viva-lugo

É evidente que Luis Seoane entendeu como decisiva a experiencia de Bauhaus. Seoane seguirá tamén moi atentamente o proposto en iniciativas posteriores como a escola de Ulm. Todo iso será a semente definitiva para o Laboratorio de Formas que creará conxuntamente con Isaac Díaz Pardo. 

Será Luis Seoane quen realice as primeiras pezas figurativas do novo Sargadelos. Por unha banda, realiza unha serie de xerras-homenaxe a personalidades do seu tempo, algunhas de directa relación Galicia –Rosalía de Castro, Castelao, Valle Inclán- e outras a partir de personalidades españolas de relevancia –Antonio Machado, Pablo Picasso, Benito Pérez Galdós, Pau Casals, León Felipe-. 

luis-seoane-deputacion-viva-lugo

Luis Seoane, como pintor que era, preocupouse sempre pola cor á hora de decorar ou deseñar un libro. Nesta mostra preséntanse algúns deles.  A mostra complétase cunha serie de tapices, producidos en colaboración con María Elena Montero e dos cartóns orixinais que o artista realizou para a súa manufactura, e cunha selección de deseños e bosquexos das pezas cerámicas, gravados e pinturas representativas que forman parte dos fondos do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre elas o coñecido cadro O Meco, un dos máis grandes que chegará a pintar.

Esta mostra forma parte do convenio de colaboración asinado en 2017, entre a Deputación de Lugo e a Fundación Sargadelos, no que se desenvolveron diferentes talleres cerámicos e workshops, realizados no Centrad de Lugo e nos obradoiros de Sargadelos en Cervo.

luis-seoane-deputacion-viva-lugo
luis-seoane-deputacion-viva-lugo

EXPOSICIÓN: Luis Seoane. Deseño e diferenza

Sala de Exposicións da Deputación de Lugo (desde o 19 de abril ao 30 de xuño de 2018)

Horario

Luns a venres: 11:00 a 14 e de 17:30 a 20:30 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta

luis-seoane-deputacion-viva-lugo

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto inaugurou  a mostra “Deseño e Diferenza”, de Luís Seoane. No acto tamén estiveron presentes o Coordinador da exposición e Secretario da Fundación Sargadelos, Jose Luís Vázquez Montero, a Concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, o ensaista, David Barro, así como o membro do Padroado Fundación Sargadelos, Alberto Leiro.

luis-seoane-deputacion-viva-lugo