Talleres con peixe cebra para achegar a I+D aos máis cativos o venres 18 na Praza Maior de Lugo
As investigadoras da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC que lideran a iniciativa ‘Pelayo e o peixe cebra axudan na investigación das enfermidades raras’, organizan este venres 18 dous obradoiros científicos e artísticos dirixidos ao público máis novo na Praza Maior de Lugo.
A primeira sesión, que se prolongará durante unha hora, comezará ás 17.00 horas e a segunda, ás 19.00 horas cun máximo de 12 participantes con idades comprendidas entre 5 e 10 anos.
Inscrición
O prazo de inscrición permanece aberto ata o mediodía do xoves 17 de xuño a través do enderezo electrónico pezcebralugovet@gmail.com (indicar o nome e a idade dos participantes, así como a quenda do obradoiro elixida e teléfono de contacto). Tamén a través do teléfono 982 822 427, de 9.00 a 17.00 horas.
Os obradoiros permitirán aos rapaces participantes aprender ciencia a través do peixe cebra (Danio rerio), un organismo que se está a usar cada día máis en investigación biomédica.
Os investigadores sacarán as ‘cebriñas’ do acuario á rúa co obxecto de que os nenos coñezan mellor as utilidades deste peixe para investigar as enfermidades e para coñecer outra información sobre os peixe cebra referida a coidados, características, proceso de reprodución…
Ademais, os nenos e nenas tamén poderán ver a través dunha lupa microscópica os tecidos dos peixe cebra, os órganos e o seu rápido desenvolvemento embrionario.