Mondoñedo e Lugo acollerán o 24 e o 25 de setembro o Cumio dos Camiños do Norte
27 asociacións de Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi impulsan ese encontro, no que se exporán experiencias e perspectivas do tecido asociativo e das administracións
O Cumio Interautonómico dos Camiños do Norte “Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño”, que se celebrarán en Mondoñedo, Lugo e Santiago de Compostela do 24 ao 26 de setembro, é un proxecto, impulsado pola Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo como parte da Agrupación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago do Norte.
No encontro analizaranse temáticas moi diversas que van desde a acollida dos peregrinos e a hospitalidade a propostas sobre o trazado dos itinerarios xacobeos do norte, pasando pola historia e a memoria destas rutas.
O Auditorio municipal Pascual Veiga de Mondoñedo estreará o 24 de setembro o congreso cunha asemblea aberta que precederá unha serie de coloquios con representantes dos Gobernos de Navarra, Cantabria e
Galicia, así como con historiadores, xornalistas e representantes de asociacións vinculadas ao Camiño.
A xornada que se realizará en Lugo o 25 de setembro no Auditorio da Delegación Provincial da Xunta de Galicia abordará a protección da saúde dos camiñantes, a análise do proxecto “Ultreya” dos efectos físicos e mentais das peregrinacións ou a doutrina mindfullness. Ademais, tratarase a investigación, promoción e divulgación dos Camiños de Santiago do Norte.
Santiago de Compostela acollerá a derradeira sesión o 26 de setembro, completando este Cumio coa participación dun total de cincuenta relatores, entre dirixentes das asociacións, expertos/as e estudosos/as da temática xacobea e representantes institucionais das catro comunidades do norte e do Xacobeo 2021-2022.
Á marxe das sesións de traballo, as persoas participantes participarán en diferentes actividades e visitas culturais, e serán recibidos na Deputación Provincial de Lugo. A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, quixo agradecer “a posta en marcha deste proxecto ambicioso que facilita o contacto entre asociacións e administracións para potenciar os camiños do Norte, un obxectivo común que precisa do traballo conxunto de todas e todos e que permitirá reflexionar conxuntamente sobre o futuro que queremos para o Camiño de Santiago”.