O Galician Freaky Film Festival chega a Lugo
I O certame vigués de cine freaky e underground proxectará nos Códex de Lugo unha escolma dos traballos gañadores na súa pasada edición.
I O evento terá lugar o sábado 18 a partir das 22h e contará con música en directo a cargo de Javier Miranda e DJ set de Aullidos de Látex.
Despois de catro edicións ofrecendo aos vigueses o mellor do cinema internacional de terror, serie B e ciencia ficción, o Galician Freaky Film Festival sairá do
seu feudo no sur de Galicia para levar o seu espírito underground a terras lucences. O desembarco será posible grazas ao apadriñamento do Grotesque Film Festival, un certame co que comparte o caracter gamberro e as ganas de sorprender e de tratar con sorna calquera tema; e o realizador Brian Rodríguez Cortiñas, que oficiará o acto de presentación.
A partir das 22h do sábado 18, nos Cinemas Codex, proxectarase o palmarés da edición 2020 do GFFF, así como algunhas das obras favoritas do público. En total serán 10 curtametraxes chegadas de todos os recunchos do mundo, como a curta de terror polaca Bad Hair; a multipremiada e bizarra animación inglesa Slug Life; ou a comedia de humor negro El Tratamiento, de Álvaro Carmona.
A festa continuará co concerto de Javier Miranda que estará presentando o seu novo disco, Strange Imperfection. Un traballo no que o músico lucense afonda na faceta máis electrónica da súa música, incorporando caixas de ritmos, pero sen perder de vista influencias determinantes coma o rock progresivo dos setenta, o space-rock e a música ambient. Para finalizar a festa, a partir das 01h, Aullidos de Látex farase cargo da selección musical.
A entradas para o evento xa están á venda na tiqueteira do GFFF a un prezo de 5€
O GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL
Despois de catro anos, o certame regresa unha vez máis á cidade co fin de achegar todo tipo de filmes de terror e serie B. O máis abraiante e esperpéntico da industria cinematográfica de Galicia, España e o resto do mundo. A quinta edición celébrase no espazo MUTA (Vigo), do 29 de setembro ao 2 de outubro.
Cabe destacar que na edición de 2020 recibíronse preto de 400 obras, o dobre do ano anterior, chegadas dende todos os lugares do globo terráqueo coma Xapón, Corea do Sur ou Tailandia. Ademais, a selección de filmes ampliouse coa inclusión de prestixiosas plataformas coma Clermont Ferrand, un dos festivais de curtametraxes con máis sona.
O gran obxectivo do GFFF é reivindicar e recuperar o espírito freak que acada o seu esplendor en Galicia grazas á Xeración Xabarín que bailaba os temas das bandas de Rock Bravú, cantaba o opening de Dragon Ball a pleno pulmón e pedía as películas do Vengador Tóxico no videoclube.