XAN 2018 A presentación terá lugar o mércores 31 de xaneiro ás 19:30 na Libraría Trama (Av. da Coruña, 21, Lugo) e contará coa participación especial da sanfonista Ana Seijo Cuba.

A edición de baleas é un libro de poemas que nace a partir dun work in progress que se desenvolveu na rede entre 2014 e 2015 (http://luagris.net/debaleas).

As baleas están presentes en todos os poemas, ás veces como protagonistas, ás veces como simples escusas pero sempre están. son baleas míticas, fantásticas, viaxeiras, nostálxicas. Son baleas que miran e queren axudarnos a ver o mundo doutro xeito (ou, cando menos, amosarnos que sempre pode haber outra maneira de mirar).

Poemario+Comic+CD van todos metidos nun sobre de papel impreso.

A idea de editar en papel un libro que está na rede é sempre un pouco disparatada. Por iso o autor convidou a diversos creadores para que a edición do libro fose un encontro grande.

De partida convidamos a Tokio (un dos autores senlleiros da banda deseñada galega, vigués de Castrelos e especialista en mamíferos mariños) para que nos axudase a converter en comic dous dos poemas do libro. Estes dous poemas-comic publícanse nun pequeno volume anexo ao libro.

Despois convidamos a músicos e músicas, amigos e coñecidos, para facermos entre todos unha paisaxe sonora das baleas.


Fixemos un cd que inclúe temas de: Macarena Montesinos, o dúo Tiberevi, Benxamín Otero, Estevo Creus, Daniel Quaranta, Ariel Ninas, Pablo Seoane e Gabriela Acosta, Mónica de Nut, Mig Seoane, Madame Cell e Belén Bermejo, acompañada por Andrés Díaz

 

A editorial

 

Caldeirón é a editorial da A.C.Caldeirón, unha asociación que nace en Malpica polo impulso de Paco Souto e Paco de Tano, coa intención de colaborar na difusión cultural na vila. Coa edición dun libro de cada un dos fundadores deuse nacemento á Editorial que, posteriormente, foi medrando grazas aos libros gañadores do Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica.
En 2014, coa publicación de Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, a editorial abre unha nova colección de libros fóra do premio, dándolle continuidade á liña aberta nos dous títulos iniciais.
O autor

 

Eduardo Estévez naceu en Buenos Aires en 1969 e reside en Galiza desde 1995. Autor dunha obra poética xa considerable, obtivo o Premio Illas Sisargas en 2009 con rúa da cancela. Este é, xa que logo, o seu segundo libro en Caldeirón. Na súa traxectoria literaria sobrancean títulos e galardóns como lúa gris (Xerais, 1999, libro finalista do Premio Tivoli-Europa), caderno apócrifo da pequena defunta (O Castro, 2003, Premo Eusebio Lorenzo Baleirón), derrotas (Espiral Maior, 2004, Premio Concello de Carral) ou construcións (Positivas, 2008). Foi membro do consello editorial de Letras de Cal e Retagarda Edicións. Coordina habitualmente obradoiros de escrita.

Enlaces de interés:

http://caldeiron.org
http://luagris.net
https://www.youtube.com/watch?v=-3PZGhFUeq8