O músico lucense David Taboada será o pregoeiro do Entroido
Aberto o prazo para participar na 17 edición do Concurso de Ferretes de Entroido
O músico David Taboada será o responsable de dar comezo á celebración do Entroido 2022, nun pregón que, segundo anunciou Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, “celebraremos por primeira vez fóra do salón de plenos do Concello, facilitando a participación da veciñanza no inicio das festas do entroido”.
A concelleira de Cultura explicou que “a Praza Maior será o lugar no que daremos comezo a esta edición do entroido, que debido á mellora da situación sanitaria recuperará a actividade presencial despois de que o ano pasado as actividades fosen telemáticas para garantir a seguridade da veciñanza”.
O Entroido 2022 comezará o vindeiro venres 24 de febreiro co Pregón. Desde a área de Cultura anunciaranse nos vindeiros días “todas as actividades que darán forma á programación cultural para os días de entroido”.
Concurso de Ferretes de Entroido
A área de Cultura e a Asociación Pepe Barreiro veñen de abrir o prazo para participar na 17 edición do Concurso de Ferretes de Entroido. Os ferretes poderán presentarse ata o 16 de febreiro nas oficinas da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, e a organización entregará premios por valor de 830€ en total.
Bases concurso de Ferretes
A asociación “Pepe Barreiro” de Lugo, con motivo da celebración do próximo ENTERRO DA SARDIÑA o día 4 de marzo 2022, venres, convoca o 17º concurso de ferretes “Entroido 2022” de acordo coas seguintes bases:
1. Poderá participar neste concurso calquera cidadán ou cidadá, sen límite de idade.
2. Os ferretes deberán estar escritos en lingua galega e o seu contido fará referencia a acontecementos de actualidade local (preferentenmente), provincial ou galega. Primarán a orixinalidade, o enxeño, a crítica e mesmo o escarnio, no tratamento das temáticas social, política, cultural, deportiva, etc.
3. O retrouso (estribillo), que se irá repetindo entre estrofa e estrofa,terá que ser unha estrofa de catro versos heptasílabos e os ferretes recitados, como mínimo de catro e máximo de seis versos.
4. Quedarán eliminados os textos e autores dos que teña coñecemento algún membro do xurado antes da reunión para o ditame do concurso.
5. Os traballos entregaranse na Delegación de Cultura do Concello de Lugo (edificio da Praza Maior) dende o día 26 de xaneiro ata as 14 horas do día 16 de febreiro de 2022 nun sobre dirixido á Asociación “ Pepe Barreiro”, no que figurará como remitente un pseudónimo. Dentro do sobre grande, e acompañando o traballo, meterase outro sobre máis pequeno cos datos persoais (nome, apelidos, enderezo, correo electrónico e teléfono de contacto). No sobre pequeno tamén se escribirá por fóra o mesmo pseudónimo que figure no grande.
6. Reservarase a identidade do autor para protexer a súa liberdade de redacción.
7. O xurado estará formado por cinco membros da Asociación “Pepe Barreiro”:Olga Díaz, Nélida Ónega, X. Ignacio Rodríguez, Manuela Lamela e Jesús Cao. O seu dictame será inapelable e, de consideralo oportuno, poderá deixar algún premio deserto.
8. Os seudónimos dos premiados faranse públicos antes da lectura dos ferretes no palco montado para tal efecto.
9. A presentación aos premios desta convocatoria supón a aceptación plena das súas bases.
10. Os premios estarán dotados con:
· RETROUSO l50 euros
· 1º premio 100 euros
· 2º premio 50 euros
· 3º premio 30 euros
· 17 premios, cada un de 10 euros Total 500 €
Ademais destes premios o xurado poderá conceder, se o considera conveniente, accésits dotados con 10 € cada un.