Ademáis de «Un pequeno mundo», a outra estrea da semana nos Codex é «As ilusións perdidas», a fastuosa e desbordante adaptación cinematográfica que o director galo Xavier Giannoli fixo da obra de Honoré de Balzac.
Se ben era imposible adaptar con toda a fidelidade esta obra maxistral, Giannoli sabe extraer as historias máis imprescindibles e a través delas transportar o estilo tan característico de Balzac á pantalla.
Así, estamos ante unha película cunha riqueza de matices impresionante, unha gran reconstrución de época chea de personaxes e lugares, da exuberancia popular do París do século XIX.
«As ilusións perdidas» trata unha historia moi común do escritor: a toma de conciencia dun home, en principio inocente e soñador, da corrupción e das relacións de poder do mundo que lle rodea.
Esta produción francesa conta cun reparto cheo de estrelas do país veciño, como Cecile de France, Jeanne Balibar, Xavier Dolan e tamén o xenial e polémico Gerard Depardieu nun papel secundario.
Giannoli consegue ao mesmo tempo unha reconstrución primorosa da Francia do XIX ao tempo que de forma moi habilidosa e manténdose fiel a Balzac pode falar tamén das relacións sociais e políticas do noso tempo.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte